A web oficial do concello de Carballo

Carballo convértese no epicentro do hóckey a patíns galego coa final a catro na categoría alevín

O pavillón Carballo Calero prepárase para vivir unha das citas máis emocionantes do calendario de base. Esta fin de semana, 18 e 19 de abril, o club Escola Lubiáns exercerá de anfitrión na Final a Catro Alevín, na que se decidirá o novo campión da Liga Ouro Galega.

O evento foi presentado hoxe na casa do concello polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e os representantes de Escola Lubiáns Paula Pastoriza, Gonzalo Álvarez, David García e Jorge Lamas.

O rexedor destacou a importancia de atraer eventos de nivel a Carballo: “É un orgullo ver como o Carballo Calero volve encherse de deporte de base. Escola Lubiáns está a facer un traballo excepcional e estamos seguros de que a afección responderá como merece esta final”.

Calendario de competición:

  • Sábado 18 (tarde): disputa das semifinais entre os mellores equipos da liga regular.
  • Domingo 19 (mañá): partido polo 3º e 4º postos e a gran final polo título galego.