A web oficial do concello de Carballo

Carballo convértese no epicentro da danza contemporánea en Galicia coa celebración dos 24 anos de Primavera enDanza

O ciclo Primavera enDanza regresa ao Pazo da Cultura de Carballo do 17 ao 30 de abril cunha nova edición que reafirma a súa posición como unha das citas culturais máis destacadas da danza contemporánea en Galicia.

Con 24 anos de traxectoria, este programa impulsado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo continúa apostando pola danza contemporánea como unha disciplina artística clave, e ofrece un espazo estable e de calidade nun contexto no que este tipo de propostas teñen unha presenza limitada na escena galega. De feito, Primavera enDanza é hoxe un dos ciclos máis antigos e consolidados dedicados a este xénero en Galicia, como lembrou a concelleira de Cultura e Festas na presentación do festival.

Maruxa Suárez estivo acompañada por Kirenia Martínez, Antón Reixa, Fran Sieira e Lilian Portela, en representación dalgunhas das compañías que pasarán este ano por Carballo, e polo alcalde, Daniel Pérez.

A edición de 2026 inclúe un total de cinco espectáculos que combinan talento galego e propostas de ámbito estatal. O programa contará con catro compañías galegas, mostra do alto nivel que está a acadar a danza na nosa comunidade nos últimos anos, nunha proposta que mestura linguaxes e disciplinas arredor do movemento, o folclore, a tradición e o teatro físico.

Entre as compañías galegas participantes destacan nomes de referencia como Kirenia Martínez, quen abrirá o ciclo cunha proposta innovadora na que colabora o creador multidisciplinar Antón Reixa; Fran Sieira, que presenta o seu espectáculo Benquerer coa música de Caamaño & Ameixeiras, e a compañía Amarelo, que achega unha proposta dirixida ao público familiar.

Completa a programación o Colectivo Glovo, que celebra o seu décimo aniversario co espectáculo Alén, unha peza de gran formato coproducida polo Concello de Carballo, e o bailarín e coreógrafo Daniel Doña, que pechará o ciclo coa obra El Verbo, unha reflexión escénica sobre a construción de novos rituais contemporáneos.

Ademais das funcións, Primavera enDanza inclúe actividades complementarias orientadas á interacción co público, como encontros cos artistas ao remate das representacións e un obradoiro familiar de danza impartido por Raquel Feradás. O ciclo tamén reforza o seu compromiso coa accesibilidade, incorporando medidas específicas en determinadas funcións, como interpretación en lingua de signos, mochilas vibratorias ou materiais adaptados.

As entradas e os bonos xa están á venda a través da web do Concello de Carballo e da billeteira en liña, con prezos accesibles que oscilan entre os 5 e os 9 euros, e bonos desde 17 euros.

Con esta nova edición, Primavera enDanza reafirma o seu compromiso coa creación contemporánea e co achegamento da danza a todos os públicos, e consolídase como un referente cultural tanto a nivel galego como estatal.