A web oficial do concello de Carballo

Carballo consolida a súa aposta pola divulgación cun agosto cargado de ciencia

A ciencia veranea en Carballo. As actividades de divulgación organizadas pola Concellaría de Innovación durante o mes de xullo acadaron unha excelente resposta do público, e en agosto teremos máis: un programa para todas as idades e en escenarios tan diversos como o mercado municipal, os campamentos infantís de verán ou o Balneario de Carballo.

Máis de cen persoas participaron onte, 29 de xullo, no encontro celebrado no Terra Bar de Razo con Begoña Nicolás e Borja Tosar. A sesión, que combinou ciencia, curiosidade e divulgación sobre a eclipse do 12 de agosto nun ambiente distendido, superou todas as previsións e confirmou o interese que espertan este tipo de propostas.

A cita de Razo foi a segunda do ciclo SolxCiencia, que arrancou o 20 de xullo no Camping Baldaio coas intervencións de Isabel Lema Gesto e César González García. Entre as dúas actividades, preto de 200 persoas achegáronse á ciencia en dous espazos de lecer da costa carballesa, un gran respaldo veciñal que reafirma a aposta de Carballo por democratizar o coñecemento científico.

A ciencia toma o mercado municipal

A programación de agosto comezará o luns 3 no mercado municipal cunha actividade especialmente dirixida ao público infantil e familiar. Ás 19.00 e ás 19.45 horas celebraranse dous obradoiros de construción de caixas estenopeicas para que os nenos e nenas, a partir de 6 anos, aprendan a observar a eclipse de xeito seguro. Os participantes deberán levar unha caixa de cartón para construír o seu propio dispositivo. Haberá 15 prazas por quenda e será preciso inscribirse previamente na ligazón que aparece máis abaixo.

A xornada continuará ás 20.30 horas, na cafetería Mercado, cunha charla de Óscar Blanco Varela, director do Centro Astronómico Trevinca, astrofotógrafo e divulgador especializado na observación do firmamento. Óscar Blanco leva anos achegando a astronomía ao público e viaxando para observar e fotografar fenómenos como as eclipses solares.

As investigadoras carballesas van de campamento

O venres 7 de agosto, a divulgación científica trasladarase aos campamentos infantís de verán. Baixo o título As investigadoras carballesas van de campamento, desenvolveranse actividades científicas adaptadas á rapazada coa participación de catro profesionais vinculadas a ámbitos moi diferentes do coñecemento: Xanel Vecino Bello, María Gómez Brandón, María Andrade Suárez e Olalla Rama García.

Xanel Vecino é doutora en Enxeñaría Química e investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Vigo. A súa actividade céntrase na economía circular e na transformación sostible de residuos e materias primas secundarias para obter produtos de valor engadido.

María Gómez Brandón investiga no campo da ecoloxía do solo e na valorización e bioconversión de residuos orgánicos, tamén na Uvigo, mentres que María Andrade é doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña e está especializada en socioloxía urbana, cultura, políticas culturais e estudos territoriais.

Completa o grupo Olalla Rama, enxeñeira e especialista en ciberseguridade, con experiencia como consultora en contornas críticas e na divulgación de boas prácticas para protexer a información e facer un uso máis seguro da tecnoloxía.

A actividade permitirá que os nenos e nenas coñezan referentes científicos próximos, descubran diferentes profesións e aprendan mediante demostracións, xogos e experiencias adaptadas ás súas idades.

Do espazo ao pasado climático da Terra

A programación de agosto pecharase o xoves 13, a partir das 20.30 horas, cunha nova edición de SolxCiencia na cafetería do Balneario de Carballo.

Nesta ocasión participarán Ana Cambón Periscal e Uxía Fernández Pérez, que ofrecerán unha viaxe científica desde o espazo ata o pasado máis remoto do planeta.

Ana Cambón formouse en Enxeñaría Aeroespacial e traballa como controladora da misión Sentinel-3, vinculada ao programa europeo de observación da Terra Copernicus, nas instalacións de EUMETSAT en Alemaña. A súa intervención permitirá achegar ao público o funcionamento das misións espaciais e o traballo que existe detrás da operación e seguimento dun satélite.

Uxía Fernández é investigadora do grupo GRICA-BIOpast da Universidade da Coruña, dedicado ao estudo do cambio ambiental e da paleobioloxía. A través das evidencias conservadas na natureza, este grupo investiga como eran os ecosistemas e o clima do pasado e como esa información pode axudarnos a comprender os cambios ambientais actuais.

Carballo, punto de encontro coa ciencia

Co programa de agosto, o Concello de Carballo dá continuidade á súa aposta por unha divulgación científica próxima, accesible e conectada coa vida cotiá. As actividades chegarán a espazos comerciais, cafeterías, campamentos e lugares de encontro social, para favorecer que persoas de todas as idades poidan achegarse ao coñecemento dunha maneira amena e participativa.

A programación permitirá, ademais, seguir poñendo en valor o talento científico carballés e crear referentes próximos para as novas xeracións, especialmente entre as nenas e rapazas.

E o verán científico non rematará aquí. Setembro chegará cargado de novas propostas, encontros e actividades de divulgación, das que iremos informando proximamente.

Esta programación conta co selo do Proxecto Talento km0 (TALK0), coordinado pola Concellaría de Innovación de Carballo e financiado pola Unión Europea. “Queríamos sacar a ciencia dos laboratorios e levala onde está a xente, ás terrazas, ao mercado e aos campamentos. Ver a máis de cen persoas un mércores á noite nun bar de Razo escoitando falar de astronomía confirma que este modelo funciona. Carballo é innovación e talento, e este verán deixaremos claro que a divulgación científica tamén se vive e se goza ao solpor”, asegura o concelleiro Iván Andrade.