SE PRECISAS UN FUNIL FACILITÁMOSCHO DE BALDE
Os 12.560 quilos de aceite recollidos no ano 2023 evitaron a contaminación de 13,8 millóns de litros de auga e a emisión de 37,68 toneladas de CO2
Dende a entrada en servizo do actual sistema de recollida de aceite de cociña usado, en agosto do 2018, a media mensual supera os 1.000 quilos. O ano pasado, segundo os datos que vén de facilitar o xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza do noso concello depositou nos colectores específicos un total de 12.560 quilos de aceite, o que permitiu evitar a contaminación de 13.816.000 litros de auga. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o residuo recollido xerou un aforro de emisións de CO2 de 37,68 toneladas.
Nestes momentos hai 34 puntos de recollida en distintos barrios urbanos e en varias parroquias. Os contedores máis utilizados para o depósito de aceite son os situados nas inmediacións dos supermercados e do mercado municipal, pero tamén teñen uso os das parroquias: nos colectores situados na Feira de Verdillo (Artes), Razo (2), Sofán, Imende (Noicela), Verdillo, Xoane (Goiáns), Pedra do Sal (Lema), Bértoa, Sísamo e Cances recolléronse o ano pasado un total de 2.800 quilos.
En xeral, o depósito de aceite foi diminuíndo dende que comezaron a subir os prezos, no ano 2021. De feito, no ano 2023 recolléronse no noso concello 1.810 quilos menos que no ano 2022.
Unha das vantaxes do sistema de recollida é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares, xa que para grandes produtores hai un servizo específico. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito nas botellas, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na casa do concello (departamento de Medio Ambiente).