A web oficial do concello de Carballo

Avanzan os trámites para a construción de 79 vivendas de promoción pública na parcela cedida polo Concello á Xunta de Galicia

Carballo dá un novo paso na ampliación da oferta de vivenda pública coa licitación das obras de construción de 79 pisos na rúa Médico José Manuel Lado, nunha parcela cedida polo Concello á Xunta de Galicia e que está valorada en 761.182 euros. A actuación, cun investimento próximo aos 12,5 millóns de euros, foi presentada hoxe durante a visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que estivo acompañada polo alcalde, Daniel Pérez; a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e representantes da corporación municipal.

A licitación publícase hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 25 de novembro. Co proxecto xa redactado, o seguinte paso será a adxudicación das obras, que terán un prazo de execución de 19 meses. A previsión trasladada pola Xunta sitúa a súa finalización no ano 2028.

O alcalde valorou a actuación como «un paso moi importante e moi positivo» para que moitas familias de Carballo poidan acceder a unha vivenda de protección pública. Daniel Pérez agradeceu o investimento autonómico e destacou a contribución do Concello mediante a achega do terreo: «Esta colaboración entre administracións é o camiño para dar solución, ou intentar dar solución, a un problema que é patente».

Anuncio licitación vivendas promoción pública

Resposta ás dificultades de acceso á vivenda

Na súa intervención, o alcalde situou esta promoción no contexto das dificultades que afronta a cidadanía para acceder a un fogar e das mobilizacións que se están a desenvolver en Galicia e no conxunto do Estado para reclamar novas políticas de vivenda.

Daniel Pérez referiuse ao esforzo económico das persoas que destinan unha parte importante do seu salario ao alugueiro e tamén ao de quen debe afrontar unha hipoteca, nalgúns casos mesmo durante a xubilación. “Eu creo que as administracións competentes, sobre todo a estatal, que ten competencias en vivenda, pero tamén a autonómica, non foron capaces de acompasar as necesidades que existen en canto á vivenda”, manifestou.

O rexedor destacou que a promoción permitirá ampliar as opcións de acceso á vivenda “a moitas familias carballesas” e puxo en valor a cooperación institucional para impulsar actuacións concretas que contribúan a aliviar a situación actual.

Vivendas de dous, tres e catro dormitorios

A promoción distribuirase en dous bloques e contará con 44 vivendas de dous dormitorios, 29 de tres e 6 de catro. Todas disporán de garaxe e rocho e, segundo a información trasladada pola Xunta, serán accesibles e eficientes desde o punto de vista enerxético.

A cesión municipal da parcela e a licitación das obras permiten avanzar nunha actuación destinada a incrementar o parque público de vivenda e a ofrecer novas oportunidades ás familias de Carballo.