O Concello de Carballo acometeu este ano cinco importantes proxectos viarios que acadan os dous millóns de euros de investimento. O obxectivo das actuacións é seguir acondicionando as vías consideradas estruturais, ben polo intenso uso que teñen ou ben por unir parroquias, aumentando o ancho da calzada cando é posible e pavimentándoa en todos os casos con aglomerado en quente.
A última actuación en marcha é a segunda fase da vía que enlaza as parroquias de Rus e Entrecruces. Despois do investimento realizado entre A Canosa e O Pereiro Vello, que superou os 230.000 euros, esta semana comezou o aglomerado do treito que vai desde O Pereiro Vello ata Outón, cun orzamento de 391.797,88 euros. O investimento total nesta vía superará, polo tanto, os 600.000 euros.
O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, realizaron un percorrido pola estrada. As obras desenvólvense ao longo de 3.330 metros e inclúen limpeza de gabias, drenaxe e estendido de aglomerado nunha superficie de 22.725 metros cadrados. Na zona de cruce da vía cos ríos Calvos e Vilar de Cima realizouse un sobreancho de un metro por cada marxe. No lugar do Outón tamén foi preciso construír un muro de coieira de 35 metros de lonxitude e algo menos de 3 de alto.
Ao longo deste ano tamén se acometeron os traballos de pavimentación na estrada que enlaza As Labradas (Carballo) coa Ponte de Bértoa, cun orzamento de 207.666,23 euros, que permitiron regularizar o trazado e mellorar a seguridade ao longo dos 2.050 metros de vía, ampliado nalgúns puntos para conseguir unha media de seis metros de ancho en todo o percorrido. En total pavimentouse unha superficie de 12.900 metros cadrados cunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros.
Na estrada do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán) o investimento acadou os 381.297,90 euros, e permitiu acondicionar a capa de rodaxe ao longo dos 3.900 metros de vía. A actuación tivo carácter discontinuo debido a que parte do trazado discorre polo concello da Laracha. En total pavimentouse unha superficie de 21.097,50 m2, e, como no resto dos proxectos, taméns e incluíron a drenaxe de pluviais e a sinalización.

Este verán xa se puido circular tamén con máis comodidade e seguridade pola vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), na que se realizou un investimento de 576.614 euros. A actuación foi moi semellante ás anteriores, con ampliación do ancho da calzada onde sexa posible, limpeza de gabias e unha capa de aglomerado nunha superficie de 26.000 metros cadrados.
Ao longo dos 4.675 metros de vía tamén se procedeu á drenaxe de pluviais e á sinalización horizontal e vertical. Ademais construíronse dous muros de coieira de 20 e 40 metros de longo e 1 de alto no treito comprendido entre os lugares do Igrexario e Sambade, e no lugar de Arnados tamén se habilitou unha senda peonil, na marxe esquerda, nunha lonxitude de 230 metros. Tanto en Arnados coma no Igrexario de Lema realizouse a pavimentación con formigón, seguindo o modelo que estamos a utilizar nos núcleos rurais tradicionais.
A estas catro estradas somouse a primeira fase da que enlazará a rotonda do polígono industrial de Bértoa coa da estrada de Razo, prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de desconxestionar a estrada comarcal AC-552, na que se concentra moito tráfico sobre todo nos horarios de saída dos traballadores e traballadoras do parque empresarial. Nesta primeira fase acometeuse o treito desde o polígono ata a avenida dos Abetos e a rúa Médico Justo Martínez, a través da cal se creou un itinerario alternativo.
A actuación tivo un orzamento de 541.218 euros. Este primeiro treito da nova vía ten 800 metros de lonxitude e case 14 metros de ancho, con dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, de 3 metros de ancho, pola marxe dereita da vía. Para contribuír á seguridade das persoas usuarias da senda tamén se instalou alumeado. Ademais, ao longo deste itinerario mixto plantáronse árbores.
A primeira actuación prevista para o ano 2026 é o aglomerado da vía que une os lugares das Torres (Oza) e Cances Grande, que está incluída no POS+ Adicional 2/2025 e ten un orzamento de 481.964,74 euros.