O programa municipal de envellecemento activo Remocea continúa despregando a súa oferta coa posta en marcha dos obradoiros de arranxos florais. Nesta primeira quenda participarán un total de 116 persoas de Bértoa, Carballo, Goiáns, Razo, Oza, Cances, Entrecruces e Verdillo. A iniciativa combina a aprendizaxe de técnicas creativas coa oportunidade de compartir tempo e fortalecer as relacións sociais.
O alcalde, Daniel Pérez, visitou este luns os primeiros cursos para saudar ás persoas participantes e coñecer o desenvolvemento das sesións. Pola mañá achegouse ao grupo de Bértoa, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures, e pola tarde visitou o de Carballo, xunto coa concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, e o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Varela.

Os obradoiros de arranxos florais forman parte das propostas lúdico-formativas de Remocea, que neste curso aposta por actividades específicas impartidas por profesionais de cada especialidade. A súa distribución en oito parroquias responde ao obxectivo municipal de achegar a programación ás persoas maiores e facilitar a participación preto do seu lugar de residencia. Despois desta primeira quenda, despois do Nadal crearanse novos grupos nas parroquias de Carballo, Noicela-Rebordelos, Sofán e Ardaña.
Remocea recibiu neste curso 1.907 solicitudes para as distintas actividades, unha cifra que reflicte o interese pola oferta municipal e que inclúe persoas anotadas en máis dunha proposta. O programa reúne exercicio físico, estimulación cognitiva, formación dixital, benestar persoal e obradoiros creativos e prácticos.
Desde o Concello lémbrase que a incorporación das actividades é gradual e que se organizarán distintos grupos ao longo do curso, en función da programación e da duración de cada proposta. Todas as persoas inscritas recibirán unha chamada telefónica ou unha mensaxe de Whatsapp para comunicarlles o inicio da actividade que lles corresponda, polo que non todos os grupos comezarán ao mesmo tempo.