O arranxo da estrada da Pedra do Sal, unha demanda permanente dos consellos parroquiais de Noicela-Rebordelos e Lema, está máis preto de ser unha realidade. Na xuntanza celebrada deste xoves no centro social de Imende, o concelleiro carballés e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, anunciou que a institución provincial vai destinar case 1,3 millóns de euros á mellora integral da estrada da Pedra do Sal, unha vía pertencente á rede provincial e clave para a mobilidade de veciñanza, visitantes e acceso ás zonas de praia.
A DP-1916, queten unha lonxitude total de 2,68 km e forma parte da rede de titularidade da Deputación da Coruña, será sometida a unha actuación integral que inclúe:
- Arranxo e mellora do firme, para garantir un traxecto máis seguro e cómodo para vehículos e transporte escolar.
- Ensanchamento da calzada, co fin de facilitar a circulación en dous sentidos e aumentar a seguridade viaria.
- Execución dunha senda peonil, que permitirá un tránsito seguro para peóns, especialmente en períodos de maior afluencia turística e estacional.
Estas actuacións responden a unha demanda histórica da veciñanza, que ve neste tramo un eixo fundamental para o desenvolvemento local e a seguridade viaria, sobre todo durante a tempada alta de visitantes que se dirixen ás praias da contorna. Ademais, son froito das xestións realizadas polo Concello de Carballo ante a Deputación, que se intensificaron nos últimos meses con varias xuntanzas coa deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez. O organismo provincial asumirá o custe íntegro da actuación, incluídas a consecución dos terreos e a redacción do proxecto, e está previsto iniciar a tramitación nos próximos meses.
O alcalde, Daniel Pérez, valorou moi positivamente a confirmación deste investimento, que permitirá avanzar de forma significativa na mellora da mobilidade, a seguridade e a calidade de vida da veciñanza, así como reforzar a accesibilidade a un dos puntos costeiros máis frecuentados do municipio.