A Demarcación de Costas do Estado está a levar a cabo unha importante actuación na praia de Razo co obxectivo de protexer o litoral fronte á erosión, mellorar a seguridade das infraestruturas e coidar un espazo natural moi querido pola veciñanza e polas persoas que o visitan. O investimento supera o millón de euros.
Un dos cambios máis importantes será o desprazamento da estrada que discorre xunto á praia, afastándoa do mar e situándoa nunha zona máis segura. Con esta medida, na que se está a traballar estes días, evítanse derrubes e danos provocados polo avance da erosión e, ao mesmo tempo, gánase espazo para a praia, favorecendo que manteña a súa anchura e a súa función natural.
A actuación tamén mellorará a seguridade das persoas, separando con maior claridade os espazos para vehículos e peóns. As sendas peonís renovaranse con pavimentos de aspecto natural, máis resistentes á choiva e integrados na paisaxe, facendo máis cómodo e agradable o paseo pola contorna.

En distintos puntos da praia reforzaranse os noiros para evitar desprendementos, combinando solucións sinxelas e respectuosas co medio, como escolleras, madeira e area. Ademais, eliminaranse zonas de aparcamento situadas en lugares sensibles, reducindo a presión sobre o litoral e aumentando as franxas de protección. Neste sentido, desde o Concello de Carballo xa se ten iniciado o proceso para a consecución dos terreos que acollerán un novo aparcadoiro en Razo.
Nas áreas máis naturais da praia, a intervención será mínima, permitindo que a costa evolucione de forma natural, sempre que non supoña un risco para as persoas ou as infraestruturas.
Tamén se mellorará a drenaxe, a sinalización e a seguridade viaria, empregando elementos pensados para integrarse visualmente na paisaxe, como barreiras e bolardos de madeira. En conxunto, trátase dunha actuación pensada para coidar a praia de Razo hoxe e no futuro, mellorando a seguridade, respectando o medio natural e mantendo a calidade paisaxística dun espazo fundamental para o lecer, o turismo e a identidade da zona.