A web oficial do concello de Carballo

A caravana morada chega a Carballo! Se o precisas, aquí atoparás un punto de seguridade e atención durante as festas de San Xoán

Xa está aparcada na zona do Rego da Balsa a caravana morada, un punto de seguridade e atención ao público na que atoparás calquera tipo de axuda que poidas precisar durante as festas de San Xoán. O vehículo empezou a rodar no ano 2018 para informar, asesorar e visibilizar o rexeitamento comunitario fronte o acoso e as agresións por motivos de xénero ou calquera tipo de discriminación, pero calquera persoa pode achegarse a el se o necesita. Aquí tes algúns exemplos dos servizos que presta:

  • Punto de seguridade para menores de idade. Se un/ha adolescente queda só/soa na festa pode achegarse ata o vehículo, onde lle ofrecerán acompañamento ata que a familia acuda a recollelo/a.
  • Atención psicolóxica de usuarias derivadas polas forzas de seguridade ou do dispositivo de seguridade da festa.
  • Atención psicolóxica e social ante casos de agresións sexuais ou delitos de odio.
  • Acompañamento a centro médico no caso de agresión.
  • Atención social no caso de situación de vulnerabilidade.
  • Carga móbil gratuíta a mozos/as para evitar situacións de vulnerabilidade.
  • Información sobre os recursos dispoñibles contra a violencia de xénero.
  • Coordinación coas forzas de seguridade.
  • Primeiros auxilios básicos.

Na caravana morada atoparás un equipo profesional formado por unha psicóloga xurídica e criminóloga especializada en violencia de xénero e unha traballadora social. O servizo emprega un protocolo específico que foi considerado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) como exemplo de boas prácticas para previr a violencia de xénero no ámbito local.

Aos servizos habituais da caravana morada, en Carballo tamén se suma, grazas á colaboración da asociación Vieiro, o reparto de cubrevasos antidroga para manter as bebidas protexidas de sustancias non desexadas.

O vehículo está equipado cun salón para 8 persoas, WC con ducha, calefacción, frigorifico, cocina, conexión eléctricas, retorocámara, televisor, wifi… En Carballo atoparalo a diario, desde o venres 20 ata o martes 24. Estes son os horarios de peche:

  • Venres 20: ata as 05.30 h do sábado
  • Sábado 21: ata 04.30 h do domingo
  • Domingo 22: ata as 03.15 h do luns
  • Luns 23: ata as 05.30 h do martes
  • Martes 24: ata as 04.30 h do mércores