A web oficial do concello de Carballo

Carballo dedica a segunda edición das xornadas “Vivan as do meu lugar” ao vestiario tradicional galego

Carballo celebra o sábado 14 de novembro dentro do marco do Novembro con Música a segunda edición das xornadas Vivan as do meu lugar. Este encontro naceu en 2025 no marco do Programa das Letras que estivo dedicado á poesía popular oral. Xurdiu coma un espazo de encontro e colaboración coas asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e Bergantiños e segue coa arela de manter ese espírito. A primeira edición puxo o foco no papel destas entidades na conservación do patrimonio musical e oral e a iniciativa continúa este ano cunha segunda edición dedicada ao vestiario popular galego e á súa transmisión como parte da nosa memoria colectiva baixo o título Vestir a memoria.

Trátase dunha cita que busca achegarse á historia, aos usos e á importancia do vestiario dentro do patrimonio cultural do país. A programación desenvolverase ao longo de toda a xornada do sábado no Pazo da Cultura, con propostas que permitirán descubrir diferentes aspectos da indumentaria tradicional, desde as técnicas de elaboración dos tecidos ata as formas de vestir e os criterios para conservar e incorporar estas pezas ao noso día a día.

11.00 h | Tecedeiras: arte e talento na sombra. Manuel Rodríguez Calviño (arqueólogo e investigador sobre a produción textil en Galicia) falará sobre o tecido popular galego e as súas técnicas e materiais, poñendo o foco nas tecedeiras e no seu papel como creadoras e transmisoras deste patrimonio.

12.00 h | Xeitos de colocar os panos de cabeza e corpo. Obradoiro impartido pola Asociación do Traxe Galego sobre as diferentes formas de colocar os panos tradicionais.

13.00 h | CÓNTOCHE UN TRAXE CON MONTSE RIVERA. ESPECTÁCULO PARA PÚBLICO FAMILIAR. Unha proposta de narración oral de Montse Rivera que, a través de cantigas e imaxes, permitirá descubrir como vestían os nosos devanceiros, coñecendo as características e os diferentes usos da roupa de cotío, de traballo e de festa.

16.30 h | Vestir o noso, investir con xeito: claves para un bo roupeiro tradicional. Un faladoiro con Na Ristra (establecemento da Laracha de confección e complementos do traxe galego) sobre o valor cultural do traxe e que tamén ofrecerá claves para escoller pezas con criterio, establecer prioridades e aproveitar o orzamento.

18.00 h | O traxe popular nas asociacións locais: usos, criterios e miradas.
Mesa redonda con representantes das asociacións de música e baile tradicional de Carballo. Modera Eva Fernández, de Rebelico Revista.

20.00 H | DESFILE: O TRAXE POPULAR GALEGO. O Sarillo (especialistas en traxe tradicional). Unha oportunidade única para desfrutar ao vivo dunha mostra de diferentes pezas da indumentaria tradicional galega.

A cita está organizada pola Concellaría de Cultura. Aínda que todas as actividades son de balde e están abertas ao público, recoméndase inscrición previa para facilitar a celebración das xornadas no enderezo electrónico <vivanasdomeulugar@gmail.com>.

II Xornadas Vivan as do meu lugar. Vestir a memoria - 2026
II Xornadas Vivan as do meu lugar. Vestir a memoria - 2026 - PROGRAMA