A web oficial do concello de Carballo

Razo dá o salto ao circuíto internacional absoluto de surf coa participación de 150 deportistas de toda Europa no Edommo Surf Pro

A praia de Razo acolle desde hoxe e ata o domingo a cuarta edición do Edommo Surf Pro Razo, que este ano dá un salto de categoría coa súa incorporación ao calendario internacional absoluto da World Surf League (WSL). Un total de 150 surfistas profesionais de distintos puntos de Europa participan nesta competición, que repartirá 2.000 puntos para as Qualifying Series (QS 2.000), tanto no cadro feminino coma no masculino.

As primeiras mangas disputáronse esta mañá nunhas condicións moi favorables, con vento en calma e ondas de máis dun metro de altura. En paralelo ao inicio da competición, o Espazo Nature acolleu a presentación oficial do campionato, coa participación do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira; a xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia, Ana Teresa Cimas; o representante de Edommo, principal patrocinador, Francisco Manuel López; as surfistas Janire González e Arianne Ochoa, e o responsable da organización, Yago Barreto.

O alcalde destacou a evolución dunha cita que reforza a presenza de Carballo no panorama deportivo internacional. “É unha forma de visibilizar o noso concello e de poñer a Razo no mapa mundial do surf”, sinalou Daniel Pérez, que tamén puxo o acento na repercusión do evento sobre a actividade económica da contorna: “Tamén axuda a desestacionalizar o turismo e a xerar riqueza. Carballo encontra no deporte a súa carta de presentación”.

A celebración do campionato en outubro contribúe a prolongar a actividade turística máis alá do verán e a dar a coñecer os recursos naturais e deportivos do municipio. Neste sentido, Antonio Leira subliñou a importancia da cooperación entre administracións para impulsar iniciativas que combinan a promoción do deporte e a desestacionalización turística. Pola súa banda, Ana Teresa Cimas destacou a capacidade dos eventos deportivos para atraer visitantes a Galicia.

Desde a organización, Yago Barreto agradeceu o apoio dos patrocinadores públicos e privados que fixeron posible o salto de categoría e salientou a relevancia de que Razo forme parte do calendario internacional da WSL. As surfistas Janire González e Arianne Ochoa tamén puxeron en valor a calidade das ondas de Razo e a oportunidade que ofrece esta proba para seguir descubrindo Galicia.

A competición continuará ata o domingo 18 de outubro, convertendo a praia carballesa nun punto de encontro do surf europeo e nun escaparate para a proxección de Carballo como destino deportivo e turístico.