A web oficial do concello de Carballo

O Conservatorio Profesional de Música segue medrando e inicia o curso con 172 alumnos e alumnas

O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo (CMUS) celebrou no auditorio do Pazo da Cultura o acto de presentación do curso 2026/27, dirixido ao conxunto da comunidade educativa e, de maneira especial, ao alumnado que se incorpora por primeira vez ao centro e ás súas familias.

A sesión serviu para dar a benvida ao novo curso, presentar a organización e o funcionamento do Conservatorio e ofrecer ao alumnado de novo ingreso a información necesaria para facilitar a súa incorporación á actividade académica.

O CMUS de Carballo, centro de referencia para toda a Costa da Morte, inicia o curso cun total de 172 alumnos e alumnas, distribuídos entre os distintos niveis de ensino musical: 35 en iniciación, 62 en grao elemental e 75 no profesional.

Precisamente, o nivel profesional experimenta este ano un incremento de estudantes, o que reforza a continuidade dunha oferta formativa que permite ao alumnado avanzar desde os primeiros contactos coa música ata completar ensinanzas musicais regradas de carácter profesional sen saír de Carballo.

No que respecta ao equipo directivo, continúa encabezado por Javier Bardanca como director, aínda que nestes momentos permanece de baixa. Completan a dirección do centro Antonio García, como subdirector; Isaura Rey, como xefa de estudos, e Daniel Novo, como secretario.

Co inicio do novo curso, a Concellaría de Educación do Concello de Carballo reafirma a aposta polo ensino musical e polo CMUS como un dos equipamentos educativos e culturais de referencia do municipio, tanto pola formación especializada que ofrece como pola súa contribución á dinamización da vida musical e cultural do noso concello e de toda a área de influencia.