A web oficial do concello de Carballo

Carballo reforza a formación dos clubs deportivos cunhas xornadas sobre psicoloxía, seguros e dixitalización

O Concello de Carballo dará continuidade este outono ás Xornadas de formación para entidades deportivas, cuxa segunda edición terá lugar os días 5, 6 e 7 de outubro, de 20.00 a 22.00 horas, no Fórum Carballo.

A iniciativa parte dunha proposta do Consello Deportivo Municipal, aprobada na sesión plenaria celebrada o pasado 7 de xullo, despois da positiva experiencia da primeira edición. As xornadas do 2025 (na imaxe) reuniron a máis de 60 persoas, fundamentalmente integrantes das directivas e dos equipos técnicos dos clubs carballeses, e abordaron cuestións relacionadas coa xestión de riscos, a estrutura do ecosistema deportivo ou o réxime xurídico e as obrigas tributarias das entidades.

Nesta segunda edición, o programa dá un paso máis e céntrase en tres ámbitos cunha incidencia directa no funcionamento diario dos clubs: a psicoloxía aplicada á xestión e á actividade deportiva, os seguros e a dixitalización.

O obxectivo é seguir dotando as entidades deportivas de ferramentas que lles permitan desenvolver a súa actividade con maiores niveis de calidade, seguridade e profesionalización, ademais de facilitar ás persoas que as xestionan o coñecemento necesario para realizar correctamente os trámites e actuacións derivados do funcionamento dun club.

A formación tamén pretende contribuír a incrementar a seguridade xurídica das propias entidades e das persoas integrantes das súas directivas, especialmente a través dun mellor coñecemento das responsabilidades asociadas á organización e ao desenvolvemento da actividade deportiva.

Tres sesións con especialistas

As xornadas comezarán o luns 5 de outubro coa sesión Criterios psicolóxicos na xestión e actividade ordinaria da entidade deportiva, impartida por Jacobo Ceide Franqueira, psicólogo especializado en Psicoloxía da Actividade Física e do Deporte e membro da Comisión de Psicoloxía e Deporte do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

O martes 6 abordarase un dos ámbitos que máis dúbidas e responsabilidades pode xerar na actividade diaria dos clubs: os seguros. O avogado especializado en Dereito Deportivo Alejandro López Sánchez, autor do libro El seguro deportivo obligatorio, explicará os tipos de seguros necesarios, as súas características, coberturas e diferentes casuísticas.

Nesta sesión tamén participarán como convidados Ricardo Serrano Tasende, presidente da SD Sofán e profesional do sector asegurador desde 1998, e José Antonio Rodríguez Fraga, vicepresidente primeiro de Escolas Balonmán Xiria, corredor de seguros e experto en peritación xudicial nesta materia. Deste xeito, a formación combinará a perspectiva xurídica coa experiencia directa de persoas vinculadas tanto ao sector asegurador como ao tecido deportivo carballés.

O programa pecharase o mércores 7 cunha sesión dedicada á dixitalización das entidades deportivas, a cargo de José Delgado Pérez, matemático e enxeñeiro especializado en sistemas, software e automatización e fundador de Qaroní e PLAAM. A sesión terá unha orientación práctica sobre as posibilidades que ofrece a tecnoloxía para profesionalizar a xestión dos clubs, simplificar procesos, mellorar a súa organización e adaptarse ás novas necesidades do sector.

Preinscrición do 12 de setembro ao 1 de outubro

As II Xornadas de Formación para Entidades Deportivas Concello de Carballo son gratuítas e están especialmente dirixidas a persoas directivas e técnicas dos clubs deportivos.

As prazas son limitadas e terán prioridade as entidades deportivas do Concello de Carballo por rigorosa orde de inscrición.

O prazo de preinscrición estará aberto desde o 12 de setembro ata o 1 de outubro a través da web da Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE), entidade que colabora no desenvolvemento da iniciativa, na ligazón que atoparás máis abaixo.

As xornadas forman parte da aposta do Concello de Carballo por acompañar o importante tecido deportivo local non só mediante o apoio económico, as instalacións ou a organización de actividades, senón tamén ofrecendo recursos formativos que contribúan a fortalecer e mellorar a xestión das propias entidades.