As Xornadas Carballo na Memoria regresan en setembro cunha edición especialmente vinculada á historia do municipio. A conmemoración dos 190 anos da constitución do Concello de Carballo, o 26 de decembro de 1836, convértese no eixo dun programa que permitirá achegarse ao pasado do territorio desde perspectivas moi diferentes: a arqueoloxía, a microtoponimia, as infraestruturas históricas, o patrimonio municipal ou o traballo das persoas que investigan e divulgan a historia local.
As actividades desenvolveranse do 3 ao 24 de setembro e están organizadas pola Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística. A súa titular, Ángeles Pacoret, presentou hoxe o programa acompañada polo concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e polo alcalde, Daniel Pérez.
Ángeles Pacoret destacou precisamente a vontade de aproveitar a efeméride para facer da historia do Concello o fío condutor das xornadas. “Este ano quixemos que os 190 anos da constitución do Concello estivesen presentes en todo o programa e que nos servisen para seguir coñecendo e poñendo en valor diferentes aspectos da nosa historia e do noso patrimonio”, explicou.
A programación comezará o xoves 3 de setembro, ás 19.00 horas nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, cunha sesión que permitirá mirar medio século atrás. Antón Abel Rodríguez Casal, autor da Carta arqueolóxica do partido xudicial de Carballo de Bergantiños e catedrático xubilado da USC, falará sobre A carta arqueolóxica da comarca de Bergantiños e o seu valor patrimonial 50 anos despois. A presentación correrá a cargo de Xosé Ameixeiras Lavandeira, delegado de La Voz de Galicia en Carballo.
A concelleira apuntou que recuperar este traballo medio século despois permite tamén comprobar “como foi evolucionando o coñecemento do noso territorio e a importancia que ten a investigación para poder conservar e valorar o patrimonio que temos”.
Unha xornada para Fernando Cabeza Quiles
O 10 de setembro terá un significado especialmente emotivo. As xornadas dedicarán unha das súas sesións a Fernando Cabeza Quiles, estreitamente vinculado ao traballo desenvolvido arredor da toponimia e participante habitual nas edicións anteriores de Carballo na Memoria.
A xornada incluirá a intervención Os nomes da terra, a cargo de Rocío Romar Roel, profesora de Xeografía e Historia e experta en toponimia, presentada por Fina Pacoret, e unha ruta pola microtoponimia carballesa guiada por Xurxo Souto, profesor, músico, escritor e dinamizador cultural, que recolle o testemuño de Cabeza Quiles.
Ángeles Pacoret destacou a importancia de que a microtoponimia continúe ocupando un lugar central no proxecto e sinalou que a xornada servirá tamén para “lembrar e agradecer o traballo e a implicación de Fernando Cabeza Quiles, que sempre estivo disposto a participar nestas xornadas e a compartir con nós todo o seu coñecemento”.
Descubrir o Carballo que non vemos
Unha das principais novidades desta edición serán as Rutas polo patrimonio invisible de Carballo, guiadas polo historiador e dinamizador cultural Hadrián García.
A primeira celebrarase o xoves 17 de setembro, ás 21.00 horas, cunha visita nocturna á casa do concello para coñecer dous espazos singulares e habitualmente afastados da mirada pública: o reloxo da casa consistorial e o arquivo municipal.
A segunda terá lugar o martes 22, ás 19.00 horas, con saída da Praza do Concello, e permitirá coñecer a historia da primeira traída de augas e das augas termais.
“Hai moito patrimonio que forma parte da historia de Carballo pero que pasa desapercibido precisamente porque convivimos con el todos os días ou porque non é accesible habitualmente. Queremos sacalo á luz e contalo”, explicou Pacoret.
Carballo, na Noite Europea das Persoas Investigadoras
O programa pecharase o 24 de setembro cun Encontro interxeracional de historiadores e historiadoras de Carballo, integrado na programación da Noite Europea das Persoas Investigadoras, que forma parte do proxecto Talento quilómetro cero (TALK0), financiado pola Unión Europea.
Participarán Xan M. Fraga Rodríguez, Margarita Barral Martínez e Hadrián García Pérez, nunha sesión presentada pola creadora de contidos culturais Candela Lola Battiato Miñones.
Iván Andrade explicou que a Noite Europea das Persoas Investigadoras é unha iniciativa que se desenvolve simultaneamente en toda Europa o último venres de setembro e que en Carballo contará con actividades ao longo de toda a semana. “É unha satisfacción poder colaborar entre áreas nun programa coma este, porque nos permite conectar a divulgación científica coa investigación histórica e achegala á cidadanía dun xeito próximo e atractivo”, sinalou.
A actividade súmase así á programación científica que se desenvolverá no municipio durante esa semana e reforza a colaboración entre distintos departamentos municipais.

“Para avanzar temos que saber de onde vimos”
O alcalde, Daniel Pérez, incidiu precisamente na importancia desa colaboración transversal para construír unha programación municipal cada vez máis rica e diversa. “A comunicación e a colaboración entre as distintas áreas permítennos facer proxectos máis completos e chegar a públicos diferentes. E estas xornadas son un bo exemplo”, afirmou.
Pérez puxo o foco, sobre todo, no significado de Carballo na Memoria: “Un pobo, para poder avanzar, precisa coñecer o seu pasado. Carballo na Memoria pon en valor todo aquilo que vén de atrás e que nos foi facendo ser o que somos hoxe”.
O alcalde destacou especialmente o traballo arredor da microtoponimia, “porque nós poñémoslle nome a todo: aos lugares, aos camiños, ás leiras, ás fontes… E detrás de cada un deses nomes hai unha parte da nosa historia e da nosa maneira de entender o territorio”.
Neste sentido, considerou especialmente acaído que a programación conclúa cun encontro de historiadores e historiadoras de distintas xeracións: “Son persoas que, co seu traballo de investigación e de divulgación, nos axudan a coñecer mellor o que fomos e, a partir dese coñecemento, tamén contribúen a ese avance cara á sociedade que queremos ser”.
Todas as charlas serán de participación libre e gratuíta, mentres que para as rutas será necesaria inscrición previa a través de carballo.gal.