A web oficial do concello de Carballo

Comezaron as obras entre As Torres e Cances Grande, que unirán as parroquias de Oza e Cances por unha vía aglomerada de 3,3 quilómetros

O Concello de Carballo vén de iniciar as obras de mellora integral da vía que comunica os lugares das Torres, na parroquia de Oza, e Cances Grande, na de Cances. A actuación permitirá unir ambas parroquias a través dun eixo viario de arredor de 3,3 quilómetros totalmente aglomerado, cun investimento de 481.964,74 euros.

Trátase dun dos principais viarios estruturais da zona e dunha actuación que vai moito máis alá da renovación do firme. O proxecto inclúe a mellora das condicións de mobilidade e seguridade ao longo de todo o trazado, a execución de sobreanchos, actuacións para mellorar a drenaxe, a construción de tres muros de contención e a renovación da sinalización.

Ademais, o Concello aproveitará a obra para avanzar na extensión dos servizos públicos, coa instalación ao longo de 1.450 metros da canalización da futura rede municipal de abastecemento de auga. Deste xeito evítase ter que volver actuar sobre unha vía recentemente pavimentada cando se acometa a ampliación da rede, optimizando tanto os recursos públicos coma os propios traballos.

O alcalde, Daniel Pérez, destacou a importancia desta actuación, “porque melloramos unha vía que vertebra e comunica dúas parroquias, pero facémolo ademais cunha visión de futuro, coordinando o aglomerado coa instalación da rede de abastecemento e con todas as actuacións necesarias para garantir a seguridade e a durabilidade da estrada”.

“O obxectivo é que as parroquias conten con vías seguras, de calidade e adaptadas ás necesidades actuais, e que cada obra que facemos nos permita avanzar tamén na mellora dos servizos públicos no rural”, engadiu o alcalde, que visitou as obras acompañado polos concelleiros de Obras, Luis Lamas, e Contratación e Participación Veciñal, Ramón Varela.

Novas actuacións en Entrecruces e Aldemunde

O inicio das obras entre As Torres e Cances Grande coincide coa tramitación doutros dous proxectos de mellora da rede viaria rural que permitirán mobilizar outros 340.000 euros.

No caso da parroquia de Entrecruces, o Concello ten en proceso de contratación a mellora do acceso desde a estrada provincial DP-1914 aos lugares da Igrexa e Casais. Á licitación, cun orzamento de 103.482,39 euros, presentáronse tres empresas, cuxas ofertas están nestes momentos en fase de avaliación.

A actuación abrangue un tramo continuo de arredor de 685 metros e permitirá ampliar unha vía que actualmente conta cunha anchura media duns catro metros ata acadar un mínimo de seis metros.

Os traballos inclúen movementos de terras, apertura de caixa e sobreanchos, así como o estendido dunha nova capa de aglomerado en quente de seis centímetros sobre toda a superficie. Tamén se mellorará de maneira integral a drenaxe mediante novas cunetas, incluídas cunetas remontables nos accesos ás vivendas e parcelas, e renovarase a sinalización.

A intervención contribuirá deste xeito a mellorar tanto os desprazamentos das persoas residentes coma o acceso ás explotacións e ás parcelas agrícolas da zona. O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) a través do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

Por outra banda, hoxe mesmo remata o prazo de presentación de ofertas para executar o proxecto de mellora integral do núcleo de Aldemunde de Arriba, cun investimento previsto de 237.287 euros.

Neste caso, a intervención combina a renovación dos viarios coa mellora dos servizos públicos. Instalaranse 400 metros de nova rede de saneamento e 50 metros de pluviais e pavimentaranse con formigón arredor de 3.200 metros cadrados do núcleo. Na zona sur executarase tamén unha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente.

O proxecto incorpora ademais unha importante vertente de mellora do espazo público, coa creación de 300 metros cadrados de zonas verdes, plantación de arborado, colocación de mobiliario urbano e renovación da sinalización.

Investimento continuado na rede viaria das parroquias

Estas novas actuacións dan continuidade ao programa de mellora da rede viaria que o Concello de Carballo está a desenvolver nas parroquias e que nos últimos meses permitiu executar ou avanzar en proxectos por máis de 1,3 millóns de euros.

Entre eles figura a mellora integral do núcleo de Imende, en Noicela, cun investimento de 434.808,04 euros, onde avanzan os traballos de renovación de firmes, pavimentos, servizos e canalizacións seguindo un modelo de intervención especialmente pensado para os núcleos rurais tradicionais.

Outra das actuacións de maior envergadura foi a vía entre O Pereiro Vello e Outón, que comunica as parroquias de Entrecruces e Rus, xa rematada O proxecto supuxo un investimento de 391.797,88 euros sobre un trazado de 3.330 metros e incluíu aglomerado, melloras de drenaxe, sobreanchos e actuacións de contención. Sumada á fase executada anteriormente entre A Canosa e O Pereiro Vello, o investimento neste eixo viario supera os 600.000 euros.

Tamén se executou a mellora da accesibilidade na AC-414 ao seu paso por Xoane da Estrada, en Goiáns, cun investimento de 146.087,85 euros, destinada fundamentalmente a reforzar a seguridade peonil mediante novos espazos accesibles, canalizacións de pluviais e sinalización.

Obras aglomerado

A estes proxectos súmase o plan de mellora de camiños rurais desenvolvido en colaboración con Agader, cun investimento de 104.295,97 euros, que permitiu acondicionar pistas en Loenzo de Abaixo, Serantes do Medio e Outón, nas parroquias de Bértoa, Oza e Rus, respectivamente.

Luis Lamas sinalou que este conxunto de actuacións responde á vontade do goberno municipal de “seguir avanzando nunha rede viaria máis segura e equilibrada en todo o territorio, atendendo tanto os grandes eixos de comunicación entre parroquias como os accesos aos núcleos, ás vivendas e ás explotacións”.

O Concello mantén ademais de maneira permanente os traballos ordinarios de conservación e reparación da extensa rede municipal e o plan anual de roza e limpeza de gabias, que continúa desenvolvéndose de forma progresiva polas parroquias.