A web oficial do concello de Carballo

Maite Márquez Caneda xubílase despois de 42 anos ao servizo da veciñanza como funcionaria do Concello de Carballo

Hai despedidas que transcenden o trámite administrativo para converterse en actos de puro afecto. A de Maite Márquez Caneda foi unha delas. Despois de 42 anos como funcionaria do Concello de Carballo, este martes asinou a súa xubilación na Alcaldía rodeada de compañeiros e compañeiras, membros do goberno municipal, familiares e persoas moi próximas que quixeron acompañala nun momento cargado de emoción, lembranzas e tamén moito humor.

A Alcaldía quedou pequena para acoller a todas as persoas que se sumaron á homenaxe a unha traballadora cuxa longa traxectoria profesional estivo marcada, ademais, por un posto de carácter transversal que a levou a relacionarse con boa parte dos departamentos municipais e con varias xeracións de persoal do Concello.

A secretaria accidental, Susana Mariño, foi a encargada de abrir as intervencións, e lembrou esa presenza constante de Maite ao longo de tantos anos e a pegada que deixa entre os seus compañeiros e compañeiras.

Tamén o alcalde, Daniel Pérez, destacou tanto a súa vertente profesional coma a humana. Referiuse a Maite como unha traballadora cun altísimo nivel de compromiso e puxo especialmente en valor a súa maneira de relacionarse coas persoas, unha cualidade que, ao longo de máis de catro décadas, contribuíu a facer Concello tamén desde o trato diario, a proximidade e a disposición permanente para axudar.

Os 42 anos de Maite Márquez no Concello son tamén unha pequena historia da transformación da propia Administración local. Ela mesma lembrou como foi vivindo desde dentro esa evolución, desde os tempos nos que boa parte do traballo se facía de maneira completamente manual ata a chegada das primeiras impresoras e a progresiva modernización dos procedementos.

“Esta casa forma parte das miñas engurras. E sempre formará parte”, confesou durante a súa intervención. Maite asegurou tamén que, persoalmente, traballar na función pública foi “unha das cousas máis bonitas que che pode pasar”, e situou todos estes anos no Concello entre as experiencias fundamentais da súa vida.

Non faltou tampouco o sentido do humor que acompaña tantas horas compartidas. Os compañeiros e compañeiras preparáronlle un particular kit de pintora de vaos, en lembranza dunha das múltiples tarefas e anécdotas asociadas á súa traxectoria municipal, con uniforme da brigada de Obras incluído.

O alcalde fíxolle entrega, pola súa banda, do xa tradicional carballo de Sargadelos, acompañado dunha dedicatoria como recordo dos seus 42 anos de servizo público e da súa vinculación con esta casa.

A despedida tivo ademais unha importante compoñente familiar. Maite estivo acompañada polo seu fillo e pola súa neta, así como pola amiga e pintora Milagros Cotelo, que quixo sumarse á homenaxe cun agasallo moi especial: un fermoso cadro.

A homenaxe rematou na Praza do Concello, cunha foto de familia na que Maite volveu quedar rodeada das persoas coas que compartiu boa parte da súa vida profesional. Agora comeza para ela unha nova etapa. E deixa atrás unha mesa, unhas funcións e 42 anos de traballo, pero non a pegada de toda unha vida ligada ao Concello de Carballo.