A web oficial do concello de Carballo

Carballo activa o dispositivo especial de seguridade pola eclipse solar cun efectivo de máis de 40 profesionais

O Concello de Carballo ten xa en marcha o dispositivo especial de seguridade, tráfico e emerxencias previsto con motivo da eclipse solar deste mércores 12 de agosto, ante o incremento de desprazamentos e de afluencia de persoas que se agarda ao longo da xornada.

Os responsables municipais e dos distintos servizos implicados celebraron esta mañá a reunión de coordinación prevista para ultimar o operativo e avaliar as necesidades en función das condicións e da afluencia prevista. Na xuntanza participaron o alcalde, Daniel Pérez; os concelleiros de Mobilidade e Medio Ambiente, Juan Seoane e Miguel Vales; o inspector xefe da Policía Local, Pedro Cancela; o coordinador de Protección Civil, Javier Souto; o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Juan Barca, e, como asesor do plan de emerxencias municipais, Luis Barca.

O dispositivo mobilizará máis de 40 profesionais, entre persoal de seguridade, emerxencias, socorrismo e servizos municipais. En concreto, participarán axentes da Policía Local, persoal e voluntariado de Protección Civil, socorristas, membros da brigada forestal e 2 ambulancias.

Unha parte importante do operativo estará centrada na regulación do tráfico e dos aparcadoiros, especialmente nas zonas nas que se prevé unha maior concentración de persoas. A medida que se vaian completando os espazos dispoñibles para estacionar, poderán establecerse restricións de acceso co obxectivo de evitar situacións de saturación.

O Concello mantén como principal recomendación evitar os desprazamentos innecesarios e, sempre que sexa posible, non utilizar o vehículo privado. A eclipse será visible desde diferentes puntos de todas as parroquias, polo que se insiste na conveniencia de optar por lugares próximos e evitar concentracións excesivas na costa.

O dispositivo está coordinado no marco do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e manterase activo durante toda a franxa horaria na que se prevé unha maior presenza de público.

Socorrismo ata o remate da eclipse

O servizo de socorrismo nas praias prolongará hoxe o seu horario ata que remate a eclipse. Como medida preventiva, establecerase bandeira vermella desde o inicio do fenómeno e ata o día seguinte.

Os aseos públicos das zonas costeiras permanecerán tamén abertos durante o dispositivo.

Desde o Concello apélase unha vez máis á colaboración cidadá para facilitar o traballo dos servizos de seguridade e emerxencias: dispersar en lugar de concentrar, evitar desprazamentos innecesarios e seguir en todo momento as indicacións do persoal do operativo.