A web oficial do concello de Carballo

Alumnado de Arquitectura da UDC estudará durante dous cursos o ámbito de Pedra do Sal e elaborará as súas propias propostas de intervención

O ámbito de Pedra do Sal-Baldaio converterase durante os dous próximos cursos nun espazo de estudo e experimentación para o alumnado da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. No marco da materia de Proxectos Arquitectónicos, os e as estudantes analizarán este territorio e elaborarán diferentes propostas de intervención e posta en valor.

Unha representación do profesorado desprazouse ata Carballo para presentar a iniciativa ao Goberno municipal e establecer as primeiras liñas de colaboración. Na xuntanza participaron o alcalde, Daniel Pérez; os concelleiros de Planificación Urbana, Juan Seoane, e Contratación, Ramón Varela, a o arquitecto municipal, Alfredo Garrote.

Por parte da Universidade da Coruña asistiron Luis Walter Muñoz Fontenla, coordinador do grupo; Mario Di Felice, Emma López Bahut e José Carlos Martínez González. Ao equipo docente sumaranse tamén Juan Creus Andrade e Emilio Rodríguez Blanco.

A iniciativa permitirá que o alumnado se achegue a un territorio real, de especial interese desde os puntos de vista arquitectónico, paisaxístico, urbanístico e ambiental. Durante os dous próximos anos, os traballos académicos centraranse principalmente no ámbito do Plan Especial de ordenación do núcleo rural de Pedra do Sal e da súa contorna, dentro do espazo litoral de Razo-Baldaio.

O programa desenvolverase en distintas fases. O alumnado realizará visitas de campo, analizará as características físicas, ambientais, sociais e urbanísticas da zona e estudará a relación entre os núcleos habitados, as infraestruturas, os espazos públicos e a paisaxe costeira. A partir dese coñecemento, formulará propostas arquitectónicas adaptadas ás particularidades do territorio.

Os proxectos terán carácter académico, pero ofrecerán ao Concello novas miradas e ideas sobre cuestións como a integración das edificacións e dos espazos públicos na paisaxe, a mobilidade e as conexións peonís, a relación entre o núcleo e o litoral, a recuperación de espazos ou a creación de novos equipamentos e servizos.

O alcalde, Daniel Pérez, valorou moi positivamente que a Escola de Arquitectura escolla Carballo como territorio de estudo. «Esta colaboración vainos permitir contar coa mirada nova e plural do alumnado e do profesorado sobre un dos espazos máis singulares do noso concello. Pedra do Sal e Baldaio conforman un territorio cun enorme valor paisaxístico e ambiental, pero tamén cunha realidade residencial e social que debe ser tida en conta á hora de pensar o seu futuro», sinalou.

Daniel Pérez destacou tamén a utilidade da colaboración entre a Universidade e as administracións locais: «O traballo académico non substitúe o planeamento nin os procedementos urbanísticos, pero pode achegar reflexión, creatividade e alternativas que nos axuden a analizar o territorio desde perspectivas diferentes».

Pola súa banda, o concelleiro de Planificación Urbana, Juan Seoane, indicou que o Concello facilitará ao equipo docente a información urbanística e técnica necesaria para o desenvolvemento dos traballos. «É unha oportunidade para que o alumnado coñeza de primeira man a complexidade dun ámbito litoral no que conflúen valores naturais, actividade residencial, mobilidade, espazo público e distintas figuras de protección e ordenación», explicou.