A web oficial do concello de Carballo

A Praia dos Libros regresa a Razo nun espazo integrado e accesible para que volvas gozar do pracer da lectura na beira do mar

A biblioteca coas mellores vistas do mundo volve abrir as súas portas na praia de Razo para que, ademais de practicar surf, bañarte, tomar algo nunha terraza ou xogar ao voleibol, teñas ao teu alcance a pé de praia os últimos éxitos literarios e un punto de información cultural xestionado polo persoal das Bibliotecas de Carballo.

A Praia dos Libros empezou a funcionar este mércores 15 de xullo, e hoxe achegáronse a visitala o alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales, que estiveron acompañados por Carmen Eiroa, representante da Asociación contra o Cancro, que leva tamén a Razo a campaña de prevención do cancro de pel.

Así, ademais da habitual oferta literaria e cultural coa que a Concellaría de Bibliotecas enche o verán carballés, tamén destaca o seu firme compromiso coa saúde pública. Carmen Eiroa subliñou a importancia de aproveitar este tipo de espazos na mesma area da praia para facer chegar consellos directos sobre a exposición solar segura. Na caseta as persoas usuarias poderán atopar material divulgativo e recursos específicos para coidarse do sol mentres gozan dun bo libro.

Pero a principal novidade visual e estrutural deste verán é a estrea dunha nova caseta de madeira. Esta nova infraestrutura, máis sostible e integrada na contorna natural da praia de Razo, ofrece unha mellor acollida e comodidade tanto para os usuarios e usuarias que se achegan a solicitar préstamos ou información como para o persoal das Bibliotecas de Carballo que xestiona o punto de lectura.

A concelleira Ángeles Pacoret lembrou que o funcionamento básico da Praia dos Libros mantén o servizo de préstamo para o cal é preciso contar co carné da Rede de Bibliotecas de Galicia (que tamén pode tramitarse de forma sinxela na propia praia). A bibliopraia estará aberta de luns a venres de 15:00 a 19:00 horas, e facilitará o acceso a pé de praia aos últimos éxitos literarios, a revistas e a folletos informativos sobre a ampla oferta cultural e medioambiental que ofrece o litoral carballés este verán, como o programa Eu quero Razo-Baldaio.

“Con esta nova infraestrutura melloramos a calidade do servizo público que ofrecemos no noso litoral, e convertemos a praia de Razo non só nun referente de lecer e natureza, senón tamén nun punto de encontro coa cultura e o benestar”, destacou o alcalde.