O Concello de Carballo e a Fundación Amancio Ortega formalizaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá construír o futuro edificio das entidades sociais. Este proxecto estratéxico contará cun financiamento de 7,8 millóns de euros achegados pola Fundación, o que supón o maior investimento da historia do municipio.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez López, e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, rubricaron na Alcaldía o acordo que marca o inicio dunha nova etapa para o benestar social, o voluntariado e o traballo en rede en toda a comarca.
Tras o acto institucional celebrouse un encontro coas sete entidades que xestionarán inicialmente o novo espazo público _Cruz Vermella, Vieiro, Un Paso Máis, Asociación Española Contra o Cancro, Afaber, Íntegro e Aspaber_, que tamén será a sede do Centro de Información ás Mulleres (CIM). A reunión serviu para compartir a folla de ruta do proxecto e poñer en valor o papel fundamental destas organizacións na atención directa á cidadanía.
O alcalde cualificou este 9 de xullo como “un día histórico para Carballo e toda a comarca”, e incidiu en que este edificio “non nace dun despacho, senón da escoita activa e do diálogo permanente co tecido asociativo, que nos trasladou as súas necesidades reais. Hoxe damos o paso definitivo para converter esa demanda nunha realidade que transformará e mellorará a vida de centos de persoas”, afirmou Daniel Pérez.
Así mesmo, o rexedor quixo agradecer expresamente a total disposición e a sensibilidade da Fundación Amancio Ortega: “A súa confianza neste proxecto permítenos estender a man e dotar Carballo dun equipamento único, de vangarda, deseñado para responder aos retos actuais e futuros da nosa sociedade e para fortalecer o impagable traballo diario das nosas entidades”.
Pola súa banda, Flora Pérez Marcote, durante o encontro coas entidades, destacou o carácter innovador e o forte impacto social do proxecto, e reiterou o compromiso da Fundación Amancio Ortega co apoio a iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas.

As entidades transmitiron o seu agradecemento polo impulso municipal e o firme compromiso da Fundación, e destacaron que a convivencia nun espazo común multiplicará a colaboración, facilitará a creación de sinerxías e permitirá ofrecer unha atención moito máis coordinada e eficaz aos usuarios.
O edificio foi deseñado polo estudio LCG Arquitectura a través dun concurso de ideas e dun proceso participativo previo co propio tecido asociativo. O inmoble integrará espazos compartidos, zonas de formación, áreas de atención directa, un novo Centro de Información ás Mulleres (CIM) e un centro de día especializado para persoas con alzhéimer e outras demencias.
Co convenio xa asinado e o proxecto definitivo practicamente rematado, o Concello de Carballo agarda iniciar de inmediato a tramitación administrativa para a licitación das obras. A previsión municipal é que os traballos poidan arrincar na primavera de 2027.