A de hoxe foi unha gran mañá de xoves. O latexo habitual do mercado mesturouse co recendo dos pratos elaborados por Miguel Silvarredonda no showcooking organizado polo GALP, a incrible animación da Real Banda de Cadeiras Encartables, a música da imprescindible Banda Municipal de Gaitas e a procura do libro desexado entre os centos de títulos que enchen as casetas da PLIC. No centro de todo iso, Carballo inaugurou a vixésima edición da Praza dos Libros para converterse durante catro días no corazón cultural de toda a comarca, e reivindicar a literatura e a lingua propia non como meros elementos de consumo, senón como ferramentas vivas de resistencia, empatía e pensamento crítico.

Fronte á vertixe dixital dos influencers de masas e o consumismo inmediato dunha mocidade empuxada a facer burpees ou a desexar un lambo, Pedro Feijoo, o pregoeiro de luxo desta simbólica PLIC, erixiu o libro como o maior perigo para o conformismo social: “Non interesa fomentar a lectura porque saben de sobra que as persoas que len son poderosas. Porque pensan. E iso fainos perigosos”.
O acto de apertura, arroupado polos acordes da Banda Municipal de Gaitas de Carballo, encheu a carpa da PLIC. Pedro Feijoo fuxiu dos discursos pomposos e cargados de “adxectivos esdrúxulos” para afondar na verdadeira transcendencia da lectura nestes tempos convulsos: “Nun país que por demasiado tempo nos quixeron convencer de que estaba feito de tebras e escuridade”, hai barrios, vilas e aldeas nas que se prende un farol, dixo. E todas esas luces -continuou- tecen “unha rede de sinais que nos marcan o mapa dos camiños da cultura en Galicia. E no medio desa rede, brillando con especial forza, loce a vosa luz. Este faro de Carballo, que prendeu por primeira vez van agora alá vinte anos, para sinalarnos desde entón onde teñen en Galicia os libros a súa praza”.
En perfecta sintonía, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, fixo fincapé no valor político e humano de “deter o tempo”. Nun contexto marcado polo inmediato, o urxente e o coñecemento encapsulado en vídeos de vinte segundos dun reel, o rexedor carballés reivindicou a lectura. “Ler un libro constitúe un acto de resistencia e unha auténtica declaración de intencións. Resistencia á desinformación e á necidade”, asegurou Daniel Pérez.

“Os libros son a ferramenta perfecta para poñernos nos zapatos de quen temos enfronte, de empatizar e de sentir en colectivo […] E que mellor xeito que facelo na nosa lingua, en galego, no idioma que nos fai singulares, diferentes e atractivos cando todo pretende ser uniforme e global”. O alcalde quixo ademais poñer en valor o inmenso talento do produto local literario que pasará pola feira —citou a autores como Xan Fraga, Alberto Varela Ferreiro, Diana Varela Puñal, Farruco Graña ou Silvia Tasende— sen esquecer o agradecemento á Fundación Luís Calvo Sanz e á familia Calvo polo seu apoio imprescindible neste”exercicio de resistencia e promesa dun futuro mellor que é a PLIC”.

A concelleira de Bibliotecas, Arquivo e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, botou a vista atrás para lembrar aquel soño que naceu hai vinte anos, cando desexaron que os libros “saíran ao sol e respiraran a brisa do estío”. Ese soño medrou co arrecendo do pan acabado de cocer mesturado co aroma da tinta, co riso das crianzas e co balbordo de Carballo.
Pacoret tivo un recordo profundamente emotivo para o recentemente finado escritor e investigador Fernando Cabeza Quiles, cuxa viuva asistiu ao acto sentada a carón do alcalde. Lembrou que “hai persoas que seguen vivindo nos lugares que amaron e nos libros que nos deixaron”, e leu un fragmento da súa última obra, Defuntos e santos inocentes, escrita como un idilio de amor con Carballo que comeza sobre unha bicicleta. Así mesmo, reivindicou a homenaxe que esta edición renderá a outra figura imprescindible das nosas letras, Begoña Caamaño, pola necesidade de entender a literatura como “un diálogo permanente entre quen escribe, quen le e quen permanece na memoria colectiva”.
A concelleira debullou o programa de actividades do 9 ao 12 de xullo, que transformará o xardín municipal nun fervedoiro de música, contos, regueifa, circo, maxia e encontros íntimos cos autores, e agradeceu o apoio da deputada provincial Sol Agra Tuñas, a Fundación Luis Calvo, Muebles Luís e a Asociación Cultural Lumieira. Pacoret pechou o acto cun desexo unánime que recolle o sentir de toda a organización: “Que, ano tras ano, os libros sigan saíndo ao sol para atoparse connosco”.
Despois do acto inaugural e do tradicional percorrido polas librarías, Pedro Feijoo asinou no Libro de Honra do Concello de Carballo: “Amigas e amigos carballeses, aos que xa chamo veciños. Non imaxinades a alegría e o orgullo que me produce formar parte xa da vosa familia, tan chea de talento, cultura e, sobre todo, agarimo e xenerosidade. Longa vida a vós, Carballo, faro de tantas luces”.







