O artista e investigador Álvaro Corral Cid inicia este mércores,1 de xullo, en Carballo, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura acolle, até o mércores 15 de xullo, a cuarta destas residencias artísticas de 2026, en torno á proposta do ourensán Álvaro Corral Cid, que ten por título Asoballada por fentos, un estudo simbiótico entre arquivo e performance, co acompañamento musical de Gabi Reboredo. O proxecto é un convite a ler con outros ollos os materiais da nosa memoria folclórica; un punto intermedio entre muiñeiras, bordados, noticiarios cinematográficos e ditadura.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o vindeiro outubro, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Asoballada por fentos aparece como póla dunha investigación en arte máis alá da academia. Unha estrofa de romance galeguista, acompañada de pandeireta e trompeta falanxista.
Sobre o proxecto
A partir da práctica artística e da investigación de Álvaro Corral Cid, este proxecto preséntase coma un estudo simbiótico entre arquivo e performance, unha práctica que nace xunto co acompañamento musical de Gabi Reboredo. Un procesual convite a ler con outros ollos os materiais da nosa memoria folclórica; un punto intermedio entre muiñeiras, bordados, noticiarios cinematográficos e ditadura.
Deste xeito, Asoballada por fentos parte dunha traxectoria que reflexiona arredor dos arquetipos rexionais franquistas e os espectros que proxectan sobre os nosos modos contemporáneos de reproducir culturas enxebres. Un lugar dende o que condensar un estendido proxecto que versa sobre a construción do arquetipo folclórico galaico durante o réxime de Franco, nun panorama global que explora o intrusismo das políticas autoritarias sobre as identidades en España e as súas expresións tradicionais.
Exposicións procesuais nas que ofrecer renovados modos de comprender e estudar a herdanza social dos materiais da nosa historia recente. Un esquema capaz de encarnar unha era na que a violencia impregnaba a artesanía, o baile xeraba política e a beleza coexistía con longas sombras da opresión.
Sobre o artista
Álvaro Corral Cid (Ourense, 2000) é artista e investigador. Gradúase pola Universidade Complutense de Madrid en Belas Artes e obtén o Máster en Investigación en Arte e Creación pola mesma universidade. Os seus estudos e prácticas artísticas propoñen novos puntos desde os que repensar as nosas epistemoloxías canónicas; desde un tórculo, un manuscrito poeirento ou un chaleco. Xuntando imaxes, rebuscando entre arquivos e mirando os significados ata o fondo.
En conxunto, o seu proceso artístico e investigador busca desentrañar como as prácticas tradicionais nacionais, especialmente partindo do caso de estudo galego, poden reactivarse como ferramentas críticas, poéticas e disidentes para xerar plusvalía simbólica e visual. Reflexionando desde a costura, o arquivo e a performance como metodoloxías de exploración histórico-artística, os seus estudos reflexionan arredor do indumento tradicional en España e a continuidade dos arquetipos nacionais.
Os seus principais traballos formaron parte de diversos centros de arte nacionais e condensáronse en escritos académicos como La hermana muerta de Pilar Primo de Rivera y algunos modos de coser pensando en el pasado (2025) ou D.R.A.G. (Dressing Resembling A Galician) (2023).
Gabi Reboredo (O Carballiño, 1989) é intérprete e docente especializado en canto, percusión e baile tradicional. Natural da provincia de Ourense, traballa na divulgación da cultura popular e na súa interpretación desde unha óptica contemporánea. Pertenceu a bandas como De Cor de Lousa e Paraíso Canto e colaborou con artistas como Sheila Patricia, Najla Shami ou Crúas.
Actualmente, exerce o seu labor como docente en diversas asociacións culturais ao longo do territorio galego (Algaravía, Solfa ou Rechouchíos) e forma parte de novos proxectos musicais como poden ser aTorna ou Lideira.
As Residencias Paraíso
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.
Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
O Colectivo RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.