A web oficial do concello de Carballo

Máis de 200 participantes no programa Remocea encheron o salón de plenos na clausura da escola de informática e dos talleres de actividades lúdico-formativas e estimulación cognitiva

O salón de plenos do Concello de Carballo quedou pequeno como poucas veces no acto de clausura de tres das actividades centrais do programa municipal Remocea: os talleres de estimulación cognitiva (memoria), as actividades lúdico-formativas e a escola de informática. Máis de 200 veciños e veciñas —das 310 persoas que participaron en total nestas tres áreas desde o pasado mes de outubro— déronse cita nesta emotiva xornada de recoñecemento ao seu esforzo e dedicación.

Durante o acto fíxose entrega dos diplomas acreditativos a un alumnado que, segundo destacaron as propias monitoras dos distintos grupos, sobresaíu polo seu “alto grao de implicación e capacidade de aprendizaxe” ao longo de todo o curso.

O alcalde, Daniel Pérez, tomou a palabra para agradecer a masiva participación e manifestar o firme compromiso do goberno local coa continuidade e reforzo deste tipo de actividades. Pola súa banda, a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, incidiu no impacto social do programa, subliñando “a importancia de manter unha vida activa” e o moito que axuda o Remocea a “combater a soidade non desexada” ao crear espazos de encontro e convivencia.

Un programa estratéxico

A clausura destas tres áreas pon o broche de ouro a un programa, o Remocea, que este ano superou a barreira dos 1.000 participantes maiores de 60 anos en todo o termo municipal.

Cunha clara vocación de proximidade, as actividades estendéronse polas distintas parroquias de Carballo para facilitar o acceso dos veciños. Entre os fitos deste curso destaca a forte aposta por reducir a fenda dixital a través da Escola de Informática na Aula CeMIT (con niveis de iniciación e medio) ou os cursos de smartphones que imparte Cruz Vermella. Así mesmo, o tecido social completouse co clásico programa de exercicio físico para maiores de 65 anos, que se estende ata este mes de xuño.

Como o mellor resumo do espírito comunitario do programa, a xornada de clausura de hoxe finalizou cun almorzo colectivo no que os asistentes puideron compartir conversas e desfrutar de chocolate, café e o tradicional pan de ovo de Carballo.