O Concello de Carballo pecha esta semana, cun balance moi positivo, unha nova edición dos obradoiros de capacitación dixital centrados no uso de teléfonos móbiles, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 60 anos. Ao longo do curso actual (desenvolvido entre outubro de 2025 e xuño de 2026), un total de 157 veciños e veciñas participaron de xeito activo nestas accións formativas gratuítas organizadas pola Concellaría de Terceira Idade.
En total impartíronse 100 horas de formación repartidas en 10 grupos diferentes, achegando as novas tecnoloxías directamente ás distintas parroquias e espazos municipais para facilitar a asistencia dos usuarios.
A actividade formativa chega ao seu fin esta semana. Hoxe mesmo remata o curso celebrado na parroquia de Goiáns, no novo centro social de Xoane, onde as persoas participantes recibiron a visita do alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, e o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Varela. E o xoves porase o broche final ao último dos obradoiros programados na aula Cervantes do mercado municipal de Carballo.
Estes talleres forman parte do programa municipal Remocea. Para asegurar a viabilidade e dinamización do rural, os obradoiros descentralizáronse naqueles centros sociais cun mínimo de persoas inscritas. Así, o itinerario deste curso chegou aos centros sociais de Rus, Imende, Bértoa, Verdillo, Razo e Goiáns, xunto cos catro cursos que se impartiron en Carballo.
Os cursos de telefonía móbil teñen xa unha longa traxectoria en Carballo, vense celebrando desde o ano 2019 e sempre en colaboración coa Cruz Vermella. Ao longo destes sete anos, centos de persoas maiores do municipio puideron romper a fenda dixital e gañar autonomía no seu día a día. Vista a excelente acollida e a demanda constante, desde a Concellaría de Terceira Idade preténdese seguir dando continuidade a estas accións formativas.