O Concello de Carballo consolídase como un referente estatal do deseño público, o urbanismo sostible e a integración paisaxística. Por primeira vez, un edificio público vén de encadear tres recoñecementos de máximo prestixio internacional e nacional en tres dos certames máis esixentes do sector arquitectónico: os premios de La Casa de la Arquitectura, os do CSCAE e os Premios FAD. Falamos do centro social de Goiáns, situado en Xoane
1. Finalista nos Premios de La Casa de la Arquitectura (Ministerio de Vivienda)
O recoñecemento máis recente sitúa o centro social de Goiáns como finalista nos Premios 2026 de La Casa de la Arquitectura, un órgano integrado no Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana. O proxecto, deseñado polos estudos NULA STUDIO (Laia Cervelló Sabaté e Miguel Fernández-Galiano Rodríguez) e FCA (Beatriz Aneiros Filgueira e Álvaro Fernández Carballada), destacou na categoría ES_COHESIÓN, que recoñece especificamente as obras que funcionan como motores de inclusión, identidade e reequilibrio territorial no ámbito rural. A distinción materializouse coa sinatura en Madrid da acta de entrega do obxecto conmemorativo dos galardóns, deseñado polos artistas David Bestué e Xavier Mañosa.
2. Seleccionado nos Premios Arquitectura do CSCAE
A proxección do centro social de Goiáns non queda aí. O edificio tamén foi elixido como un dos proxectos seleccionados nos Premios Arquitctura 2026, organizados polo Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE). Entre centos de candidaturas de todo o país, o comité de expertos destacou a proposta carballesa polos seus profundos valores sociais, patrimoniais e de sustentabilidade aplicados á edificación nunha contorna atlántica.
3. Presenza destacada nos Premios FAD 2026
Para redondear este triplo éxito, cabe lembrar que Carballo situouse na primeira liña da arquitectura ao incluír dous proxectos locais na rigorosa selección dos Premios FAD 2026, o galardón de carácter profesional e cultural con maior traxectoria da península. O fallo dos galardóns farase público no mes de xuño.
O centro social de Goiáns está presente, polo tanto, en tres certames completamente independentes e autónomos entre si, e que abranguen os eidos institucional do Ministerio, colexial do CSCAE e cultural-independente dos FAD, o que eleva aínda máis o mérito da arquitectura local ao someterse ao escrutinio de tres xurados distintos e destacar en todos eles.
O edificio, caracterizado polas súas singulares cubertas enlazadas que emulan o perfil dunha aldea tradicional e a súa rechamante cor granate integrada no val, amosa que o investimento público nas parroquias pode situarse na vangarda do deseño contemporáneo sen perder a súa vocación primordial: “Mellorar a vida diaria e a cohesión social dos veciños e veciñas”, tal como apunta o alcalde, Daniel Pérez.





