O Concello de Carballo prepárase para ser sede dunha das citas máis importantes do calendario deportivo galego: a terceira etapa da proba ciclista profesional O Gran Camiño. O evento, que terá lugar o xoves 16 de abril, converterá o centro urbano nun escaparate do ciclismo de alto nivel coa saída oficial da xornada.
A etapa partirá dende o corazón de Carballo para afrontar un esixente trazado de 173 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 2.453 metros. Tras abandonar o casco urbano, o pelotón dirixirase cara ao Alto do Campelo (3ª categoría),e atravesará concellos como Santa Comba, Noia, O Porto do Son e Ribeira. O tramo final estará marcado pola dureza do Pico Muralla (2ª categoría) e o Alto de Formarís, antes de disputar a meta na histórica vila de Padrón.
A actividade en Carballo comezará desde cedo na zona centro, onde a veciñanza poderá seguir de preto todos os preparativos:
- 11:00 h – 13:00 h: Movemento de ciclistas dende a zona de equipos (Rúa Pontevedra/Vázquez de Parga) cara á Praza do Concello para o control de firmas e a presentación oficial.
- 12:45 h: Despregue do dispositivo de seguridade e saída da caravana publicitaria.
- 13:15 h: Saída oficial dos corredores dende a zona da Praza.
- Percorrido urbano de saída: Rúa Colón, Desiderio Varela, Gran Vía, Vázquez de Parga e Fomento, en dirección a Coristanco.
Dispositivo de tráfico
Para garantir o correcto desenvolvemento da proba, o Concello activará un dispositivo especial de tráfico:
- Haberá cortes intermitentes de circulación nas rúas Vázquez de Parga e Valle Inclán a partir das 11:00 h.
- A rúa Valle Inclán quedará pechada ao tráfico de xeito permanente dende as 13:00 h ata o paso total da carreira.
- Na zona da Praza do Concello tamén haberá limitacións de circulación, xa que a xornada deportiva coincide co mercado semanal.
- Nas rúas Enrique Sánchez, Ánxel Fole, Pontevedra e Cervantes non estará permitido o aparcamento, xa que son as zonas reservadas para os vehículos da carreira.
- Prevese que a normalidade na circulación se restableza arredor das 13:30 h, unha vez a caravana abandone o casco urbano.
O Concello de Carballo convida a toda a veciñanza e visitantes a achegarse á zona da Praza para desfrutar do ambiente desta competición de primeiro nivel e animar aos corredores antes do inicio da etapa.