Presentado no Consello Parroquial de Artes o proxecto das obras de acondicionamento do campo da festa
A actuación, que suporá un investimento de 149.000 euros, será financiada con cargo ao orzamento municipal do 2024
Sábado 28 de outubro do 2023
![](../media/img/26102023_cp_artes.jpeg)
Unha vintena de persoas participaron na xuntanza do Consello Parroquial de Artes, na que se presentou o proxecto das obras de acondicionamento do campo da festa. A proposta, que suporá un investimento de 149.000 euros, inclúe a pavimentación do espazo para crear unha gran praza pública que poderá utilizarse tanto para a celebración de eventos como para aparcadoiro. A parte central será pavimentada con formigón, mentres que toda a zona frontal e o perímetro da igrexa irán de pedra, poñendo en valor o conxunto arquitectónico. Tamén están previstas zonas verdes a modo de peche da praza, e xa se prevé a inclusión do parque infantil, que se colocará este mesmo ano. O documento, elaborado en función das necesidades expresadas pola parroquia, quedou a disposición da veciñanza para posibles achegas.
A nivel de equipamentos públicos, unha vez encarrilada a solución á gran prioridade, que era o arranxo do campo da festa, a veciñanza volveu comentar no consello parroquial a posibilidade de acadar algún tipo de acordo co Arzobispado para a cesión da antiga casa reitoral coa finalidade de destinala a un uso social. Esa opción xa fora estudada sen éxito anos atrás, pero por parte da veciñanza realizarase un novo intento. Tamén pediron un soportal para o centro social.
En materia de infraestruturas deuse conta por parte do alcalde, Evencio Ferrero, e dos concelleiros de Obras, Luis Lamas, e Participación Veciñal, Daniel Pérez, do estado das obras de pavimentación da estrada de Bolón (Sofán) a Vilar de Francos (Artes), que ademais de regular o ancho da vía e do aglomerado, inclúe a instalación de 1.300 metros de tubaxes para o abastecemento de auga aos núcleos de Bolón, A Pontenova, A Calzada e Vilar de Francos, cun orzamento de 225.140 euros.
As grandes demandas, de feito, céntranse agora nos servizos de auga, que tras esta actuación e o remate das obras en marcha ata a Baixa de Sofán, deixaría pendente desde O Almacén cara a zona alta; mentres que no que se refire a saneamento está máis avanzado e quedan só algúns núcleos.
Con respecto á rede viaria, o concelleiro Luis Lamas apuntou que están en marcha os traballos de asfaltado e bacheo en todas as parroquias, e que na de Artes localizáronse 18 treitos nos que é preciso intervir. A veciñanza centra as súas peticións na estrada provincial 1903, que desde o Concello xa foron trasladadas á Deputación da Coruña, e na instalación de redutores de velocidade en varios puntos.
Cuestións relacionadas co servizo de recollida de lixo, a limpeza de arquetas ou arranxos varios completaron a xuntanza.