En marcha as obras de construción de beirarrúas en Ardaña cun orzamento de 175.000 euros
O proxecto, que constituía unha das principais demandas do consello parroquial, terá continuidade nunha segunda fase
Venres 22 de setembro do 2023
![](../media/img/0ARDANA-1.jpg)
Unha vintena de persoas participaron no consello parroquial de Ardaña, no que o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Participación Veciñal, Daniel Pérez, deron conta dos proxectos en marcha a escoitaron as peticións e demandas da veciñanza. Á xuntanza tamén asistiron os concelleiros do PP Isidro Varela e Javier Calvelo.
Nestes momentos están en marcha as obras de construción de beirarrúas no treito da vía Carballo-Portomouro comprendido entre os quilómetros 3+450 e 4+0,25. A actuación, que ten un orzamento de 175.000 euros, foi adxudicada á empresa local Vázquez y Reino. Ademais dos 575 metros de beirarrúas ao longo da estrada provincial, o proxecto tamén inclúe a creación dun itinerario peonil de acceso ao centro social, con 75 metros de lonxitude, en 30 dos cales levantarase un muro de formigón. Ademais aproveitarase para instalar a rede separativa de augas pluviais. O proxecto complétase coa sinalización horizontal e vertical, a creación de espazos verdes nas zonas situadas xunto aos pasos de peóns e a plantación de árbores.
Por parte das persoas asistentes á xuntanza insistiuse na necesidade de completar as beirarrúas. O alcalde informou nese sentido de que está prevista a execución dunha segunda fase.
![](../media/img/ARDANA-2.jpg)
Así mesmo, Evencio Ferrero apuntou que está en contratación outra mellora demandada en anteriores consellos, que consiste na pavimentación da vía de acceso ao núcleo de Vivente desde a estrada provincial. Os traballos desenvolveranse ao longo de 150 metros de vía e consistirán na mellora do firme con formigón, a mellora da drenaxe e a instalación de sinalización.
A veciñanza pide que se sigan estendendo servizos como o saneamento ou a mellora da limpeza e pavimentación das vías. Neste sentido, o alcalde sinalou que de cara aos vindeiros anos tamén aposta por reforzar os traballos de roza e explicou que está en marcha un novo contrato de mantemento da rede viaria co que agarda que se atendan as peticións veciñais nese sentido. Aínda que non é competencia municipal, outra preocupación da parroquia é a existencia de zonas sen fibra óptica.
O próximo consello parroquial celebrarase o 26 de outubro no centro social de Artes.