A Banda Municipal de Carballo fará un percorrido polas mellores bandas sonoras da historia no concerto deste sábado

Alumnado das orquestras de grao elemental e profesional visitarán o venres a residencia de maiores DomusVi

Mércores 8 de marzo do 2023

Ademais da audición de trompa que abre o Marzo musical no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, o CMUS ten outras dúas interesantes citas esta semana.

O alumnado das orquestras de grao elemental e profesional visitará o venres 10, ás 18.00 horas, a residencia de maiores DomusVi para animarlles a tarde cun concerto no que interpretarán obras de Sibelius, Telemann, Elgar, Dvorak ou Purcell, entre outros compositores.

O sábado 11 teremos a oportunidade de escoitar á Banda Municipal de Música de Carballo nunha actuación aberta a todo o público que se celebrará no auditorio do Pazo da Cultura ás 20.00 horas. A agrupación, dirixida por Javier Bardanca, realizará un percorrido polas mellores bandas sonoras da historia do cine dende os anos setenta ata a actualidade.

A música seguirá soando a vindeira semana, porque o día 15 celebrarase o Festival de Primavera e o 17 actuará a Orquestra de Corda no centro social de Bértoa. Marzo musical rematará o día 28 cunha audición de trompeta, trombón e bombardino.

Compartir: