A PROBA ORGANIZADA POLO CLUB CICLISTA CARBALLO SERÁ OS DÍAS 6 E 7 DE ABRIL
Carballo volve a ser a sede da Challenge Junior, que nesta segunda edición será máis dura e primará a participación feminina
Máis de oitenta deportistas de Galicia, Cantabria, Asturias, Castela-León, Castela-A Mancha e Portugal participarán na proba, incluída no Campionato Galego
Xoves 28 de marzo do 2019
![Marcos Trigo, Xosé Regueira, Juan Seoane, Evencio Ferrero, Vanesa Loureiro (que se sumou ao remate), Juan Carlos Muñiz e Guillermo Sande Marcos Trigo, Xosé Regueira, Juan Seoane, Evencio Ferrero, Vanesa Loureiro (que se sumou ao remate), Juan Carlos Muñiz e Guillermo Sande](../media/img/6800x460_1.jpg)
Marcos Trigo, Xosé Regueira, Juan Seoane, Evencio Ferrero, Vanesa Loureiro (que se sumou ao remate), Juan Carlos Muñiz e Guillermo Sande
Carballo acollerá os días 6 e 7 de abril a II Challenge Junior, unha proba organizada polo Club Ciclista Carballo, coa colaboración do Concello e da Federación Galega, que reunirá a 81 promesas do ciclismo galego, pero tamén a deportistas de Asturias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha e Portugal.
A II Challenge Junior constará de tres probas independentes, como o ano pasado, pero será un pouco máis dura e primará a participación feminina. Neste sentido, unha das novidades é que haberá trofeo para a mellor ciclista en cada unha das categorías, e tamén se establece este ano o premio ao mellor equipo. Explicouno esta mañá o director deportivo do Club Ciclista, Juan Seoane, na presentación deste novo evento deportivo, na que estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o técnico e seleccionador galego, Guillermo Sande; os concelleiros de Deporte e Promoción Económica, Marcos Trigo e Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
A primeira etapa, Razo-Monte Neme, sairá o sábado ás 11.00 horas. Ese mesmo día pola tarde, ás 16.30, arrancará Razo-Razo, que incrementa o seu percorrido en seis quilómetros, ata os 66, con respecto ao ano pasado, e incorpora treitos de maior dureza. A terceira proba será o domingo, co percorrido habitual de 89,5 quilómetros polos concellos de Coristanco e Carballo, e que terá a meta situada na rúa Martín Herrera, xunto ao Museo de Bergantiños.
Presentación
![](../media/img/9800x460_2.jpg)
A presentación da proba estivo repleta de agradecementos mutuos entre organizadores e colaboradores, pero tanto uns coma outros destacaron sobre todo a importancia de promover o deporte de base e, ao mesmo tempo, de converter o deporte nun elemento máis de desenvolvemento turístico _e polo tanto económico_ do territorio. Neste sentido, o concelleiro e deputado provincial Xosé Regueira comentou que dende os entes de xestión turística está empezándose a traballar en organizar eventos deportivos para atraer público, “algo que en Carballo xa levamos tempo facendo, porque o deporte atrae persoas, xera economía e crea marca”. Xosé Regueira considera que este tipo de eventos son “moi positivos para a economía local”, polo que apelou á implicación do sector hostaleiro, e ao mesmo tempo cualificou coma “unha sorte que existan clubs que programan con tanta calidade”.
Dende a Federación Galega de Ciclismo, o seu presidente definiu ao Club Ciclista Carballo coma un modelo na organización de probas de “moitísimo nivel”. Neste caso, ademais, trátase dunha proba valedeira para o Campionato Galego, pero para Juan Carlos Muñiz o realmente importante é a promoción do deporte de base. Tanto el coma Guillermo Sande agradeceron e destacaron o traballo do Club Ciclista, porque “unha proba de dous días para júnior é como se fixeran unha etapa da Volta á España”, asegurou o seleccionador galego.
Evencio Ferrero desexou “mil primaveras máis para esta challenge” e reiterou a aposta do Concello de Carballo polo deporte incluso nos momentos máis duros. “Somos un dos concellos a nivel de Estado que máis investimento temos en deporte”, manifestou o alcalde, quen tamén aludiu ao “espectacular” crecemento do deporte nos últimos 10 anos en Carballo.