A veciñanza de Goiáns decidiu en asemblea, e practicamente por unanimidade, o emprazamento para o centro social
A decisión foi trasladada ao Consello Parroquial, no que tamén se recolleron peticións relacionadas coas infraestruturas básicas
Venres 10 de novembro do 2017
![Imaxe da asemblea veciñal (cedida) Imaxe da asemblea veciñal (cedida)](../media/img/asemblea_vecinal_goians_(3).jpg)
Imaxe da asemblea veciñal (cedida)
Unha das prioridades nas que está a traballar o Consello Parroquial de Goiáns desde a primeira reunión é a consecución dun terreo para construír un local social. Como no resto das parroquias, o Concello de Carballo pagará a metade do valor do solo e financiará o edificio. Na procura dun emprazamento axeitado, a veciñanza empezou a traballar con catro opcións, pero, segundo se deu a coñecer na xuntanza do Consello Parroquial celebrada onte, finalmente quedaron reducidas a dúas. A escolla realizouse días atrás nunha asemblea veciñal á que foron convocadas todas as persoas empadroadas na parroquia e na que participaron arredor de sesenta, segundo comentaron. Case por unanimidade, xa que só houbo catro votos a favor da outra opción, foi elixida unha finca rústica de 606 metros cadrados no lugar coñecido como O Chaquel, pero como para construír nese tipo de solo fan falta como mínimo 2.000 metros, á veciñanzade Goiáns aínda lle queda un longo proceso por diante para conseguir unha parcela anexa e tramitar a modificación urbanística correspondente diante da Xunta de Galicia.
O local social é unha prioridade, pero non a única. O Consello Parroquial trasladou aos representantes políticos (houbo participación dos catro grupos municipais) as peticións recollidas entre a veciñanza, entre elas a reposición de puntos de luz, a mellora da rede viaria nalgúns puntos, a colocación de paneis de libre expresión, sinalización... e, sobre todo, a ampliación das infraestruturas de auga e saneamento. O alcalde, que presidiu a reunión, comprometeuse a estudar detalladamente todas e cada unha das propostas e para a vindeira semana xa emprazou aos afectados a unha reunión para abordar o problema do abastecemento de auga en Goiáns.
O Consello Parroquial de Goiáns reuniuse onte pola noite
Evencio Ferrero tamén deu conta de que a brigada municipal de obras está a reparar as beirarrúas da estrada xeral, despois de obter o permiso da Xunta de Galicia para actuar nunha vía de titularidade autonómica. Os veciños reclaman o asfaltado da estrada, algo que, sinalou o alcalde, debe facer a Xunta de Galicia, e engadiu que o Concello de Carballo estaría disposto a asumir a titularidade da vía se por parte da Xunta se realiza previamente unha actuación de mellora integral.
Xa ao remate da xuntanza produciuse un longo debate sobre o problema de tráfico de drogas que, tal como explicaron os veciños, existe na parroquia nunhas casetas colocadas ilegalmente, e pediron unha actuación máis contundente tanto por parte das forzas de seguridade como das Administracións competentes en materia de disciplina urbanística.