Os Consellos Parroquiais retomarán a rolda de xuntanzas en setembro
Para o día 1 está convocada a veciñanza de Entrecruces
Venres 25 de agosto do 2017
![](../media/img/logo_350x360.png)
En setembro tamén empezará un novo curso para os Consellos Parroquiais de Carballo, xa que despois do parón estival retomaranse as xuntanzas entre os representantes veciñais -que estes días están a convocar encontros abertos- e os políticos. A primeira reunión está programada para o día 1 en Entrecruces. Xa hai datas tamén para as de Cances (6 de setembro), Ardaña (7) Rebordelos (14), Noicela (15), Aldemunde (21), Bértoa (28) e Lema (29), e desta segunda quenda faltan por fixar as de Sofán, Artes, Razo e Vilela. A terceira arrancará o 8 de novembro en Goiáns.
Dende a posta en marcha deste mecanismo de participación veciñal nas 17 parroquias vense incrementando a presenza e o interese veciñal, e xa son máis de 300 as persoas que están a participar activamente da vida municipal de Carballo a través desta nova canle de comunicación directa entre a cidadanía e a corporación municipal.
Os consellos parroquiais son entes vivos e abertos permanentemente á participación tanto de entidades coma de cidadás e cidadáns a título individual. As persoas interesadas en participar teñen á súa disposición o número de teléfono 981 704 700 e o enderezo electrónico consellosparroquiaiscarballo@gmail.com.