O mítico músico Xoán Rubiá presenta as súas memorias

Xoves 6 de outubro do 2022 20.00 horas - Espiral Maior Foro

Tarde de música en Espiral Maior Foro, e ademais cunha figura mítica da música galega como Xoán Rubiá. Ás 20.00 horas estará en Carballo para presentar Pasaba por alí. E quedei un intre, un libro no que recolle as súas memorias persoais e fai un percorrido pola Galicia cultural, social e artística da etapa na que se desenvolvía a coñecida como Nova Canción Galega e o grupo xeracional Voces Ceibes.

Entre os discos de Xoán Rubia, hoxe verdadeiras xoias discográficas de colección, brillan os emblemáticos "Cantiga de berce á morte de Federico García Lorca, Meu amor, A emigración e O can ten frío" (1968) e “Cancioeiro, Noiturnio do adoescente morto, Berro e Cantiga do neno da tenda” (1969), ambos producidos e editados por Edigsa/Xistral, empresa na que colaboraba o poeta Manuel María.

No acto, que rematará cunha pequena actuación musical, participarán o historiador Xan Fraga e o escritor e director de Espiral Maior Foro, Miguel Anxo Fernán Vello.

Compartir: