Arredor do Día do Mercado, que este ano celébrase o sábado 31 de maio, a Concellaría de Feiras e Mercados ten programadas unha serie de actividades encamiñadas a poñer en valor a oferta comercial pero tamén a dar a coñecer os novos servizos que ofrece o mercado municipal.
O xoves 29 realizaremos a presentación da nova sala de lactación, un recurso que utilizan moitas mamás pero que aínda é descoñecido para moitas outras. E ademais de dar a coñecer o equipamento do espazo e as normas de uso, en colaboración coa Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade complementaremos a xornada cunha charla de Fátima Varela Basalo, matrona e asesora internacional de lactación, que falará sobre distintos aspectos relacionados coa lactación e sobre os recursos públicos dispoñibles para as nais e as familias.
A charla empezará ás 17.00 horas no hall do mercado (acceso pola Gran Vía), con acceso libre e de balde para todas as persoas interesadas.
Outras actividades
- Día 3 (Sala de formación – 17.00 horas). Taller de herbas de San Xoán. Dentro da Semana do Medio Ambiente incluímos unha actividade que anticipa a chegada das nosas festas patronais, na que contaremos co Grupo Naturalista Hábitat para aprender a identificar e coñecer as características das herbas de San Xoán. Pincha aquí para inscribirte
- Día 9 (Sala de formación – 17.00 horas). Intelixencia emocional. Recuperamos a actividade do programa MercaEscola que non puido levarse a cabo por mor do apagamento eléctrico do día 12. Aprenderemos a recoñecer as nosas propias emocións e as dos demais e a poñer nome aos nosos sentimentos.
- Día 16 (Sala de formación – 17.00 horas). O coidado das plantas no fogar. Aprenderemos a escoller as máis axeitadas e como coidadas coa enxeñeira técnica agrícola e paisaxista Carmen Alonso.
