O torneo solidario de pádel Concello de Carballo, organizado por Miclub Pádel a beneficio de Asanog, cumpre onde anos. Ao longo deste tempo foi indo a máis en todos os sentidos, tanto en canto á participación coma en categorías ou en colaboración, e este ano agardamos volver a contar coa mesma solidariedade de sempre ou aínda máis, xa que os donativos recibidos ata hoxe superan os 2.000 euros grazas, sobre todo, á colaboración do tecido empresarial carballés.
Este martes presentamos o cartel nun acto no que participaron o alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro; o presidente de Miclub, Manuel Pallas, e o tesoureiro da Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia (Asanog), o carballés Gonzalo Cabeza. Aínda que o prazo de inscrición remata mañá, o éxito de participación xa é un feito, cun cento de parellas anotadas.
Este evento, que xa se converteu nunha cita especial para os amantes do deporte, combina a paixón polo pádel cun propósito solidario: apoiar á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG) no seu labor coas 200 familias de nenos/as afectados/as polo cancro que están integradas nela. “Intentamos chegar onde non chega a Seguridade Social”, indicou Gonzalo Cabeza. O tesoureiro de Asanog explicou que algúns peques pasan “moito tempo hospitalizados”, e que grazas a colaboracións coma esta é posible facerlles o tempo máis levadeiro e tamén apoiar ás súas familias.

Este ano, o torneo ofrece un espazo para todos os niveis e idades, desde as categorías masculinas e femininas ata mixtas, pais e fillos, e mesmo iniciación, para que ninguén quede sen a oportunidade de participar. Manuel Pallas apuntou ao respecto que en só unha semana disputaranse entre 350 e 400 partidos. Ademais, o ambiente promete ser acolledor e emocionante, como xa é costume nas competicións organizadas neste club. Á fronte estará Marcos Fernández Pena como xuíz-árbitro, asegurando que todo salga como cómpre.
Pero tamén hai novidades, como o feito de que o torneo remate un sábado en vez dun domingo, e que ese fin de festa inclúa sorteo de agasallos e a actuación musical de Álex Naya.
Para as persoas que non asistir pero desexen colaborar habilitouse unha fila cero para realizar doazóns que irán directamente a apoiar os proxectos de Asanog. Tanto Manuel Pallas coma Gonzalo Cabeza agradeceron a colaboración do Concello de Carballo animaron á veciñanza a colaborar, e tanto o alcalde coma o concelleiro de Deporte destacaron a importancia de que o deporte vaia máis alá da competición e que siga sendo un exemplo de que Carballo “é un concello solidario”.