A web oficial do concello de Carballo

Volve a Praza dos Libros cun potente programa de actividades que acredita o noso compromiso coa cultura galega

Do 10 ao 13 de xullo volve a Praza dos Libros (PLIC) cun potente programa que acredita o compromiso do Concello de Carballo coa cultura galega. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Chano Calvo, e representantes das librarías e editoriais participantes presentaron hoxe, no mesmo lugar no que se desenvolverá a nosa feira da creatividade cultural, as máis de 30 actividades que conforman o cartel desta 19ª edición.

A PLIC é a única feira literaria de Galicia que se celebra dentro dunha feira tradicional tan antiga e importante como é a de Carballo, e cada ano os produtos gastronómicos da nosa terra teñen un papel moi destacado. O xoves 10 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas con atún Calvo e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda, en ámbolos dous casos ata fin de existencias.

O sector ofrecerá durante os catro días un 10% de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos: libros, mochilas, bolígrafos, pendrives coa gravación da Sinfonía Bergantiños, bolsas de tea… As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas (o domingo, ata as 21.00 h), polo que non hai escusa para non achegarse ata o corredor central da Praza do Concello e coñecer as novidades editoriais que nos traerán Brañas Verdes, Trasgo, Teldy, Clarión, Espiral Maior Foro, Espazo Lector Nobel, todas elas de Carballo, e tamén A gata tola, de Santiago, e Á lus do candil, de Arteixo.

A concelleira Ángeles Pacoret agradeceu especialmente a participación das librarías, “que sodes as que lle dades vida a esta feira”, así coma a implicación tanto da Fundación Luis Calvo Sanz, que vén colaborando coa feira ano tras ano, e a incorporación de Muebles Luis como empresa patrocinadora nesta 19ª edición.

Pola Praza dos Libros pasarán este ano autores e autoras coma Marilar Aleixandre, pregoeira desta edición; e outras “figuras relevantes” como Pedro Feijoo, Xabier Queipo, Rober Cagiao, Víctor Cebey, Marta Villar, Carlos Rego, Fernando Cabeza Quiles, Suso de Toro, Xosé Manuel e Icía Varela, Héctor Pose, Txema García, Alejandro Otero Jamardo, Marta Seoane, Laura Tova, Carmen V. Valiña, Xosé Antonio Andrade, Raúl Herrera, Arantza Portabales e Ramón Vilar Landeira. E ademais haberá música para todos os públicos, obradoiros…

Eva Cameán, en representación das librarías participantes, cualificou coma “un luxo” poder participar na PLIC, cun programa “que cada ano se supera”.

“É unha moi boa programación”, dixo o alcalde, quen amosou ademais o seu desexo de que “os libros en papel cobren protagonismo”. Evencio Ferrero subliñou que “Carballo será unha festa do libro, teremos oportunidade de coñecer e saudar a persoas de grande prestixio literario e de enorme bagaxe cultural”.

O programa ao completo podes descargalo máis abaixo.