O Concello de Carballo organiza, coa colaboración co Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, a proba deportiva de cros escolar correspondente á fase zonal de Bergantiños, que terá lugar o xoves 26 de febreiro nun circuíto acondicionado na zona verde do polígono industrial de Bértoa.
O Concello de Carballo vén de realizar os traballos de acondicionamento do circuíto aproveitando a tregua ofrecida pola meteoroloxía, despois de que as condicións adversas obrigasen a adiar a competición en dúas ocasións. A colaboración do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia enmárcase dentro do programa de deporte escolar.
Nesta fase zonal, que se desenvolverá de 10:30 a 13:00 horas, participarán un total de 980 escolares procedentes de 11 centros de ensino dos concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha e Malpica:
- CPI Alcalde Xosé Pichel
- CEIP Bergantiños
- CEIP Bormoio-Agualada
- CEIP Caión
- CEIP Fogar
- CEIP Milladoiro
- CEIP Plurilingüe A Cristina
- CEIP Plurilingüe Gándara-Sofán
- CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo
- CEIP Ramón Otero Pedrayo
- CPR Artai
O Cros Escolar constitúe unha das citas deportivas máis destacadas do calendario escolar da comarca de Bergantiños, e, ademais da práctica do atletismo base, contribúe a promover os hábitos de vida saudables e os valores do deporte entre a mocidade.
Dende o Concello de Carballo destácase o esforzo organizativo realizado para garantir o correcto desenvolvemento da proba e agradécese a implicación dos centros educativos, do profesorado e das familias.