A web oficial do concello de Carballo

Todo listo en Carballo para a chegada dos Reis Magos de Oriente!

Carballo xa ten todo preparado para recibir a Melchor, Gaspar e Baltasar na tarde do luns 5 de xaneiro. As súas maxestades os Reis Magos de Oriente realizarán un percorrido pola vila coa tradicional Cabalgata e recibirán aos nenos e nenas na carpa da Praza do Concello para falar con eles e atender as súas peticións. A cativada tamén poderá entregar as súas cartas na Caixa de Correos Real situada á entrada.

Este ano o itinerario tense adaptado tendo en conta os lugares con máis afluencia de público e os Reis poderán visitar as principais rúas de Carballo con saída desde o Centro Comercial Bergantiños Hiper Gadis, parada na Avenida da Milagrosa, na rúa Martín Herrera e recepción na Casa do Concello. Como cada ano, tamén haberá animación especial na carpa da Praza a partir das 18.00 horas con DJ FranStone, onde poderán agardar a chegada da Cabalgata. E, ademais, as Súas Maxestades de Oriente irán acompañadas durante todo o percorrido por un pasarrúas protagonizado por unha figura xigante de globos de cores, que animará aínda máis a tarde máis máxica do ano.

HORARIOS
  • 16. 45 h.: Chegada das súas Maxestades ao Centro Comercial Bergantiños Hiper Gadis
  • 17.10 h.: Saída do Centro Comercial Bergantiños Hiper Gadis
  • 18.00 h.: Animación na Praza do Concello con DJ FranStone
  • 19.00 – 19.30 h. (aprox.) Chegada das súas Maxestades á Praza do Concelllo
  • Como cada ano, haberá seguimento en tempo real da ubicación da Cabalgata en carballoenrede.com
PERCORRIDO


Saída no aparcamento do CC Bergantiños Hiper Gadis, Avenida Ponte da Pedra, Rúa Fábrica, Rúa Poñente, Rúa Luis Calvo, Rúa Alexandre Bóveda, Avenida de Fisterra, Rúa Río Anllóns, Avenida da Milagrosa (Parada 1), Rúa do Sol, Rúa Martín Herrera (Parada 2), Rúa Jacinto Amigo, Rúa Desiderio Varela, Rúa Gran Vía, Rúa Doutor Fleming, Avenida de Bergantiños, Rúa Vila de Ordes, Rúa Gran Vía, Rúa Vázquez de Parga, Rúa Valle Inclán, Rúa Colón e chegada á Praza do Concello.

COLABORACIÓN

Un amplo equipo integrado por persoal da área de Cultura, a Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil, o Servizo Municipal de Protección Civil, a Policía Local de Carballo, a Brigada Municipal de Obras traballan arreo para telo todo a punto: as carrozas, a carpa da Praza do Concello, os tronos… Ademais a cita conta coa colaboración do Centro Comercial Bergantiños Hiper Gadis (que achega 600 Kg de caramelos) e o Grupo Dimolk que cede os coches que transportan as carrozas.

MAPA
RECOMENDACIÓNS DE SEGURIDADE

Os distintos servizos encargados da seguridade durante a celebración da Cabalgata dos Reis, Protección Civil e Policía Local, recomendan a todos os pais, nais e asistentes que teñan vixiados en todo momento aos nenos e nenas que acudan a este acto e garden a distancia de seguridade con respecto ás carrozas, e nunca situarse diante das mesmas. Non está permitido achegarse a elas. 

Prégase tamén aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis. Non se debe subir ao mobiliario urbano nin a varandas que poidan ser inestables e perigosas. Advírtese sobre a extrema precaución cos carros dos bebés, que non sobresaian das liñas do público marcada polos servizos de seguridade.

Non se pode invadir a calzada e débese impedir que os menores entren en zonas delimitadas para o desfile. Débense respectar en todo momento as indicacións sobre as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas, nin na calzada e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que supoñen un perigo engadido para os máis pequenos. En todo momento, débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade.

Desde a organización pídese e agradécese a colaboración da cidadanía para o correcto desenvolvemento desta actividade e así poder desfrutar desta tarde tan especial para todos.

AVISO


Este ano habéra bombas de palenque para anunciar o inicio da cabalgata, durante o percorrido e tamén para sinalar a chegada das súas maxestades á Casa do Concello. 

CABALGATAS NAS PARROQUIAS
PARROQUIADÍA/HORA
BÉRTOA04/01/2026 14.00 h a 18.00 h
ARDAÑA05/01/2026 16.00 h
BREA 05/01/2026 18.00H 
VERDILLO05/01/2026 17.00 h
SÍSAMO 05/01/2026 17.00 h
LEMA05/01/2026 15.00 a 18.00 h
CANCES06/01/2026 09.00 h
SOFÁN06/01/2026 08.30 H