A soprano Soledad Vidal regresa a Carballo este venres 13 de novembro para presentar Cantares Atlánticos, un recital no que estará acompañada polo pianista Aurelio Viribay. A actuación ten un significado especial para a intérprete, que foi alumna do Conservatorio de Música de Carballo nos anos noventa. O concerto, patrocinado pola Concellaría de Igualdade con motivo do 25 de Novembro, Día contra a Violencia de Xénero, convértese nunha poderosa homenaxe á loita, á resiliencia e á dignidade das mulleres galegas fronte ás diversas formas de violencia e opresión machista ao longo da historia. Unha mensaxe fundamental para este 25N: recoñecer a dor do pasado para reparar, sandar e avanzar cara a un futuro libre de violencias machistas.
Respecto a Soledad Vidal e Aurelio Viribay, o dúo ten cunha ampla traxectoria na interpretación de cancións de cámara en lingua galega. O espectáculo combina a interpretación musical coa proxección audiovisual e propón unha viaxe que transcorre desde as cantigas medievais ata composicións de autores contemporáneos. O repertorio parte exclusivamente da poesía galega e reúne pezas inspiradas na tradición popular e en textos de figuras como Rosalía de Castro ou Castelao. A través de cancións como María Soliña, Lela ou Desterro, o recital traza un percorrido por historias de mulleres, despedidas, exilio e saudade, coa música como fío condutor. A proposta remata cunha invitación colectiva a cantar. A cita terá lugar ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.
Ciclo de cinema documental
Porén, a programación semanal comeza o xoves 12 de novembro coa proxección de Mary Quintero. Máis de 90 anos de creatividade, ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O documental, de 50 minutos, dirixido e escrito por María Ojea González, percorre a traxectoria dunha das grandes fotógrafas e retratistas de estudio, que iniciou a súa carreira con só 15 anos. A través das súas imaxes e dos testemuños de persoas que coñeceron o seu traballo, a peza amosa a evolución da súa obra, desde a fotografía en branco e negro ata a cor e a era dixital, así como a súa faceta de pintora e creadora de fotopinturas e colaxes.
O filme tamén aborda os cambios sociais que viviu ao longo de máis de nove décadas e a recuperación do seu arquivo, formado por máis de 700.000 imaxes. A proxección está organizada pola Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura.
Xornadas sobre o traxe tradicional galego
Hai que lembrar que a semana se completa o sábado 14 de novembro coa segunda edición das xornadas Vivan as do meu lugar, que este ano se desenvolven baixo o título Vestir a memoria. O encontro, que terá lugar no Pazo da Cultura de 11.00 a 13.00 e de 16.30 a 20.00 horas, estará dedicado á historia, aos usos e ao valor patrimonial do vestiario tradicional galego. A programación inclúe conferencias, obradoiros, un espectáculo de narración oral para público familiar, unha mesa redonda e un desfile de indumentaria popular con traxes antigos. Todas as actividades son gratuítas e abertas ao público, aínda que, por motivos organizativos, recoméndase inscrición previa en <vivanasdomeulugar@gmail.com>.
📷 Mary Quintero na súa casa de Vigo en marzo de 2024 | © Treintayseis