O Concello de Carballo vén de rematar as obras de mellora de varios camiños de uso agrario nas parroquias de Oza, Goiáns e Rus. As actuacións, financiadas con 96.273 euros procedentes dos fondos Agader, inclúen tamén a elaboración dun estudo integral da rede viaria municipal.
Na parroquia de Oza acometeuse a mellora de dous camiños, un no lugar das Encrucilladas, de 720 metros de lonxitude, e outro no Vilar do Carballo, de 450 metros. Os outros dous sitúanse en Goiáns de Arriba (445 metros) e Canosa-Rus (200 metros).
En todos os casos procedeuse á regularización do ancho dos camiños para conseguir un mínimo de 4 metros en todo o seu trazado e na adecuación do sistema de drenaxe. As actuacións, financiadas con fondos Agader, non só permitiron renovar a pavimentación das vías cun firme máis axeitado á súa situación e ao tráfico que soportan, senón tamén mellorar tanto a seguridade viaria coma a integración ambiental dos camiños.
Estas obras foron cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ao abeiro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020.