A web oficial do concello de Carballo

Remata o primeiro curso da Escola de informática para maiores de 60 anos tras oito meses de formación

A Escola de informática para maiores de 60 anos rematou o seu primeiro curso coa entrega de diplomas ás 38 persoas que completaron os oito meses de formación. O acto celebrouse esta mañá no salón de plenos, coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Innovación, Iván Andrade; a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures; o presidente de Afaber, Jesús Villar, e as monitoras da Asociación de Familiares de Alzhéimer de Bergantiños que impartiron as sesións.

A Escola de informática, impulsada desde as áreas de Innovación, Terceira Idade e Servizos Sociais, ten como finalidade achegar ás persoas maiores os coñecementos básicos para desenvolverse no mundo dixital, xa que, como apuntou a Maica Ures, “o futuro é dixital para todas e todos, e non podemos deixar ninguén atrás”.

Buscar información en Internet, enviar un correo electrónico, escoitar música, ler o xornal ou facer un trámite coa Administración son algúns dos obxectivos concretos que nos marcamos para este curso, que incluíu, neste sentido, formación básica sobre o manexo do ordenador, a busca e organización da información en Internet, o correo electrónico, os servizos de mensaxería, a realización de trámites coa administración electrónica ou coas entidades bancarias de xeito seguro.

Dada a excelente acollida da Escola de informática, que, de feito, obrigou a duplicar a oferta inicial, desde o Concello de Carballo estase a traballar xa nunha segunda edición que inclúa un grupo de iniciación e outro máis avanzado.