O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ofreceu este xoves unha recepción oficial á enxeñeira e doutora en Informática Verónica Bolón Canedo, experta en IA e investigadora de novos métodos de Intelixencia Artificial máis éticos e sostibles. Polo seu traballo vén de recoller de mans do Rei o Premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayor, un dos moitos que leva recibido ao longo da súa carreira profesional, e desde o Concello quixemos transmitirlle o noso recoñecemento e o de toda a sociedade carballesa.
No acto, celebrado este xoves na Alcaldía, participaron varios membros da corporación municipal, familiares da homenaxeada e o vicerreitor de investigación da UDC, Jerónimo Puertas, que escusou a ausencia do reitor e fixo un repaso por algúns dos moitísimos méritos acadados por Verónica Bolón: “É directora da cátedra da estratexia nacional de IA en colaboración con Inditex sobre os algoritmos verdes, que ten unha dotación económica moi importante e é unha gran responsabilidade, e tivo moitos recoñecementos, como a Beca Leonardo do BBVA, foi secretaria da Asociación Española de Intelixencia Artificial e acadou diversos premios, aínda que o máis evidente é o Premio Nacional de Investigación, polo que estamos aquí”. E lembrou ademais que é integrante máis nova da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.
A homenaxeada expresou o seu agradecemento ao Concello por abrirlle as portas á colaboración en distintos eventos, como o festival de divulgación científica Pint of Science ou a Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, e mesmo por “apoiar as miñas loucuras, como o cachelo quente… Carballo é unha vila que se está modernizando moito, cada vez teño máis orgullo de ver en que se está convertendo. Para min é unha sorte vivir aquí e estar criando aquí aos meus fillos, e despois dedícome ao meu traballo o mellor que podo”.
Verónica Bolón expresou ese orgullo no Libro de Honra con estas palabras:
“Hoxe é un día moi especial, no que me sinto profundamente emocionada de recibir este recoñecemento na miña vila natal, Carballo. Estou moi orgullosa de ser carballesa e de vivir nun pobo que aposta pola cultura, polo benestar da súa xente e, tamén, pola ciencia. Que se recoñeza o meu traballo como investigadora e científica é para min unha gran honra e unha responsabilidade”.
Evencio Ferrero cualificou como “algo extraordinario” o feito de que Carballo sexa o berce de tantos investigadores e investigadoras, e destacou especialmente o traballo de Verónica Bolón, que contribúe a que Carballo “sexa un lugar de referencia na divulgación científica. A ciencia forma parte da nosa sociedade, e sempre terás un espazo para que a xente recoñeza o gran labor que como profesional e docente estás a facer. É un orgullo para nós”.
O alcalde entregoulle o agasallo institucional do Concello de Carballo neste 2025, unha réplica da fonte da Praza de Galicia; un pisapapeis co skyline de Carballo, e tamén un xogo de mesa do Gran Prix que inclúe a versión orixinal do “cachelo quente” para que vaia practicando para a próxima edición do Pint of Science.




