En pleno proceso de transformación cara unha Europa máis ecolóxica e máis resiliente, o Concello de Carballo aposta pola economía social como xeradora de oportunidades que nos permitan aproveitar o potencial do noso concello para desenvolver novos proxectos ligados á economía circular e a sustentabilidade.
Neste marco, Carballo acollerá esta semana dous eventos de especial relevancia: o xoves 11, a II Feira do Mercado Social, e o venres 12, o II Congreso Galicia é ESS, ámbolos dous organizados por REAS Galicia, a Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia, coa colaboración da Concellaría de Innovación, Formación e Emprego e co patrocinio da Deputación da Coruña.
II FEIRA DO MERCADO SOCIAL
Despois da edición celebrada no ano 2021, Carballo acolle a II Feira do Mercado Social, que se celebrará na carpa da Praza do Concello e na que participarán Coop57 Galicia, Anxóuxeres, Cooperativa Nosa Enerxía, O espírito da colmea, ONG Por que no?, Íntegro, Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia, Fíos de Cores, Asociación Otras Narrativas, UPA Espazo Barefoot, Reas Galicia, Livegens, Vallelongo e Toxalriba, con postos de exposición e venda. E ademais desenvolverase este completo programa de actividades:
- 11.00 h. Apertura da feira.
- 13:00 h. Presentación do catálogo de Mercado Social da Coruña.
- 14:30 a 16:00 h. Pausa xantar.
- 16:00 h. Cata de chocolates de comercio xusto con Solidariedade Internacional de Galicia.
- 17:00 a 19:00 h. Ludoteca Sororas. Espazo para a rapazada con xogos e obradoiros.
- 17:00 a 19:00 h. Proxectos galegos de vivenda colaborativa: unha alternativa real á crise habitacional. Faladoiro para explicar en que consiste este modelo e coñecer de primeira man os casos que xa se están a materializar en Galicia. Participan: Margarida Vázquez, da cooperativa Outra Forma de Vivenda da Coruña; Carmela Cons, de Alvariza Colaborativas de Compostela; Helena Sanmede, de Agrelar Consultora; Ramón Fernández, de Hábitat Social S.Coop.G., e Iván Andrade, concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Fondos Europeos e Axenda Urbana.
- 19:00 h. Espectáculo de títeres e música O galo Quirico e os seus amigos, coa Cía. Seisdedos.
- 20:00 h. Peche da feira
II CONGRESO GALICIA É ESS
Ao día seguinte, o Fórum Carballo acollerá o II Congreso Galicia é ESS, unha iniciativa aberta a todas as persoas que compartan os valores da economía social e solidaria ou que queiran saber máis sobre este movemento.
Durante a xornada, compartiremos os saberes adquiridos e as leccións aprendidas e procuraremos inspiración noutras experiencias e noutros territorios paraartellar, entre todas, un mercado social, solidario e certeiro. Con esa finalidade desenvolverase o seguinte programa.
- 10:00 h. Mesa de benvida: representante da Deputación da Coruña, representante do Concello de Carballo, María Paz de REAS Galicia
- 10:20 h. ESS: mudar a economía e mudar as lóxicas do mercado, con Ana Lorenzo de REAS Galicia: June San Millán de REAS Nafarroan e Artemi Hernández de Red Anagos (Canarias).
- 11:30 h. Ambigú de comercio xusto e conexión.
- 12:00 h. Faladoiro: As aprendizaxes desde a traxectoria do Mercado Social en Galicia: Zaida Calvo de Solidariedade Internacional de Galicia, Ángel Montero de Nosa Enerxía S.C.G., Antón Insúa de Coop57, Cándido Martínez da Rede de supermercados colaborativos, Marta R. Boo da asociación de Consumidoras e Usuarias Galegas (ACUGA)
- 13:30 h. Recollendo referentes para avanzar na construción dun mercado coas lóxicas da ESS. Dinámica participativa con 50pés.
- Pausa xantar
- 16:00 h. Como avanzar na construción dun mercado coas lóxicas da ESS: Artellar un mercado social, solidario e certeiro. Dinámica participativa con 50pés.
- 17:30 h. REAScunchiño. Dinámica de presentacións breves de entidades e proxectos para a procura de colaboracións ou apoios nas vendas ou difusión. Con Raquel Doallo e Chus Caramés (apúntate no formulario de inscrición)
- 18:30 h. Conclusións, avaliación e próximos pasos.
- 19:00 h. Clausura: Saúde e ESS!
ESPAZOS TRANSVERSAIS
- Presentación do proxecto Recoñece a ESS: Conectando a Economía Social e Solidaria cos ODS.
- Vd. está aquí: liña do tempo da Rede galega de Economía Alternativa e Solidaria.
- Pensares a remollo, sentires a clareo.