Carballo xa respira ambiente de Campionato de España. A praia de Razo acollerá entre o 1 e o 6 de setembro dúas das grandes citas do calendario estatal de salvamento e socorrismo: o XXXVIII Campionato de España Xuvenil e Júnior de Praia, do 1 ao 3, e o XXXVIII Campionato de España Absoluto de Praia, do 4 ao 6.
A competición reunirá máis de 600 participantes, e durante seis días converterá Razo nun dos principais focos do salvamento e socorrismo estatal. De feito, algúns dos equipos participantes, entre eles clubs procedentes da zona de Levante, xa se atopan estes días en Carballo ultimando a súa preparación e familiarizándose co escenario da competición.
A propia praia de Razo foi o escenario da presentación dos campionatos, na que participaron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro; o presidente da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo, Samuel Gómez Mayor; a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, Nuria Rodríguez Suárez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García Fernández, e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira Piñeiro.
Na presentación tamén estiveron presentes deportistas de dous clubs moi vinculados á comarca, o SYSCA de Carballo e o SAL da Laracha, que serán parte protagonista dunha competición que permitirá ver en Razo a algúns dos mellores especialistas desta modalidade.

O alcalde, Daniel Pérez, destacou que “para Carballo é un orgullo que Razo sexa durante seis días o punto de encontro do mellor salvamento e socorrismo de España. Falamos dunha competición deportiva de primeiro nivel, pero tamén _engadiu_ dunha magnífica oportunidade para dar a coñecer a nosa costa, o noso concello e a nosa capacidade para acoller grandes eventos”.
Daniel Pérez puxo ademais o foco na presenza dos clubs locais e da contorna: “É especialmente importante que unha competición desta dimensión teña tamén representación da casa. Ver aquí ao SYSCA e ao SAL, xunto a equipos chegados de distintos puntos de España, demostra o nivel que acadou esta modalidade na nosa comarca”.
O presidente da Federación Española de Salvamento e Socorrismo, Samuel Gómez Mayor, salientou que “Razo ofrece unas condiciones extraordinarias para una competición de estas características”, e destacou tanto o nivel deportivo previsto como a espectacularidade das probas. “Durante seis días vamos a poder ver aquí una representación muy importante del salvamento y socorrismo español”, indicou.
Pola súa banda, a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, Nuria Rodríguez Suárez, considerou que a celebración destes campionatos en Carballo “é unha excelente oportunidade para facer visible o traballo dos clubs galegos e, especialmente, dunha canteira que segue medrando ano tras ano”. Rodríguez Suárez destacou tamén a importancia de que os e as deportistas máis novas poidan competir nunha cita estatal nun escenario como Razo.
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García Fernández, incidiu na capacidade de Galicia para organizar eventos deportivos de ámbito estatal e apuntou que “competicións coma esta combinan deporte, promoción de hábitos saudables e proxección do territorio”. Tamén destacou a colaboración entre administracións, federacións e clubs como unha das claves para facer posible un evento destas características.
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, referiuse ao impacto que o campionato terá máis alá da propia competición: “Centos de deportistas, equipos técnicos e familias pasarán estes días por Carballo, e iso significa tamén actividade económica, promoción turística e coñecemento do territorio”.
Finalmente, o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, salientou o traballo organizativo realizado nos últimos meses e convidou a veciñanza a achegarse a Razo: “Imos ter durante seis días unha oportunidade excepcional para ver en directo unha modalidade espectacular e deportistas dun altísimo nivel. Queremos que Carballo viva este campionato e que a praia de Razo se converta nunha auténtica festa do deporte”.
A actividade comezará o martes 1 de setembro coas categorías xuvenil e júnior, que competirán ata o xoves 3. A partir do venres 4 chegará a quenda da categoría absoluta, que pechará o campionato o domingo día 6.
A presenza anticipada dalgúns equipos en Carballo xa permite percibir estes días o impacto da competición. Deportistas e técnicos comezan a verse pola vila e pola costa, nunha semana na que Razo será o punto de referencia estatal do salvamento e socorrismo de praia.