Xanel Vecino, Karina Pombo, Manuel Gundín, Lara Pallas, María Vidal e Manuel Rey son os/as seis investigadores/as carballeses/as ou vinculados ao noso concello que participarán na segunda edición do festival Pint of Science Carballo, o evento internacional de divulgación científica que propón un encontro entre investigadores/as e público nos bares,
O noso concello será un dos 79 de toda España que encherá os bares de ciencia os días 19, 20 e 21 de maio, a partir das 19.30 horas, nun evento que se celebrará de xeito simultáneo en máis de vinte países de todo o mundo.
O festival arrincará o luns 19 no bar do Pazo da Cultura con Xanel Vecino e Karina Pombo.
- Xanel Vecino (Universidade de Vigo-Uvigo) é enxeñeira química e a súa investigación actual está centrada na revalorización e na transformación sustentable de residuos e materias primas secundarias en produtos de valor engadido como os biodeterxentes e os ecoadsorbentes. Ten cinco patentes, catro delas sobre biodeterxentes obtidos a partir de residuos do millo.
- Karina Pombo (University of Oxford) é doutora en Ciencias Naturais e Químicas, e na actualidade dirixe un laboratorio de investigación nesa cidade británica no que pretende explicar como as nosas células epiteliais se unen para formar tecidos que nos protexen da entrada de patóxenos afectados nas enfermidades intestinais.
O punto de encontro do martes 20 será o Oito Bar, con outros dous protagonistas: Manuel Rey Pan e Lara Pallas.
- Manuel Rey (IFGAE-USC) é graduado en Xornalismo e desde o ano 2021 traballa no eido da comunicación científica na Universidade de Santiago, actualmente no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).
- Lara Pallas (Universidade da Coruña-UDC) é enxeñeira informática e actualmente está realizando a súa tese doutoral, orientada á aplicación de algoritmos de intelixencia artificial (IA) no ámbito da astronomía, o que se coñece como astrofísica computacional.
O mércores 21 o festival trasládase ao bar Ranqui con Manuel Gundín e María Vidal.
- Manuel Gundín (Instituto de Ciencias Fotónicas de Barcelona-ICFO) é doutor en Física e centra a súa investigación no campo da óptica cuántica e as súas aplicacións, con especial interese na comunicación cuántica. Na actualidade traballa no grupo de Hugues de Riedmatten en ICFO, enfocándose en memorias cuánticas de estado sólido e a súa aplicación a repetidores cuánticos.
- María Vidal (Universidade de Santiago-USC) é doutora doutora en Bioloxía e técnico superior de Investigación do Departamento do Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela. É aínda que non é carballesa, quixemos convidala porque é unha das persoas que máis sabe sobre a píllara das dunas.
As charlas están abertas a toda a cidadanía ata completar a capacidade nos locais. Como na primeira edición, entre charla e charla haberá xogos e sorteos entre o público. O equipo organizador de Pint of Science Carballo está formado por Iván Andrade, Verónica Bolón, Jorge Cebey, Daniel Barreiro e Cristina Abelleira. O evento está organizado directamente polo Concello de Carballo, un caso único entre as 79 sedes españolas, e contamos cos patrocinios da Fundación Luis Calvo Sanz e o Centro Comercial Aberto (CCA) e a colaboración de Bodegas Carballo e La Voz de Galicia.