A web oficial do concello de Carballo

Presentadas no primeiro trimestre do ano solicitudes de licenzas para 10 vivendas en planta baixa 

O Concello de Carballo tramitou o ano pasado licenzas para a construción de 97 vivendas novas, 76 delas en edificios urbanos, acadando deste xeito unha cifra récord desde o ano 2008. Despois de tantos anos de parálise, á tendencia á alza na construción inmobiliaria mantense no primeiro trimestre deste ano, no que chegaron á Oficina Técnica Municipal solicitudes de licenza para 25 vivendas

Sen embargo, estas solicitudes teñen unha particularidade, xa que tres dos proxectos en tramitación permitirán habilitar 10 vivendas en plantas baixas de tres edificios, situados nas rúas Fomento, Gran Vía e Vitoria. Este tipo de reformas ten cada vez máis demanda no noso concello desde a modificación das normas de habilitabilidade de Galicia, en outubro do 2023, para facilitar que baixos comerciais ou entrecháns sen uso poidan reconverterse en vivendas. 

Outro dos proxectos que están en tramitación consiste na reforma e ampliación dun edificio situado na rúa Hórreo para o acondicionamento de 6 vivendas, outra fórmula que permite dar unha nova vida a edificios abandonados ou con usos diferentes ao residencial, como é este caso. 

En canto ás vivendas unifamiliares, a Oficina Técnica Municipal tramita solicitudes para construír 9 nas parroquias de Oza (2), Noicela, Bértoa (2), Sísamo, Verdillo e Carballo (2). Aínda que a cifra baixou moito, nin sequera nos peores anos da crise inmobiliaria deixaron de construírse casas, de xeito que no 2025 hai no noso concello, construídas ou en construción, 230 vivendas unifamiliares máis que no 2015.