A web oficial do concello de Carballo

Presentadas cincuenta candidaturas aos I Premios do Deporte Concello de Carballo, que serán entregados na gala do venres 19

O Consello Deportivo Municipal recibiu un total de 50 candidaturas aos I Premios do Deporte Concello de Carballo, cos que pretendemos recoñecer as persoas e entidades destacadas polos seus logros deportivos e polo seu labor no fomento e na promoción da actividade física e o deporte no ámbito local.

Tal como figura nas bases, aprobadas no seo do Consello Deportivo Municipal, do que forman parte todos os grupos políticos da corporación e entidades designadas polo movemento asociativo, na gala que se celebrará o venres 19 de decembro (auditorio do Pazo da Cultura, 20.00 horas) entregaranse nove premios nas seguintes categorías:

  • Mellor deportista carballesa, á actuación deportiva máis distinguida en calquera ámbito (autonómico, nacional, internacional): 5 candidaturas
  • Mellor deportista carballés, á actuación deportiva máis distinguida en calquera ámbito (autonómico, nacional, internacional): 9 candidaturas
  • Mellor deportista promesa carballesa, á deportista de categorías base que máis se distinguira pola súa progresión e actuación deportiva en calquera ámbito: 4 candidaturas
  • Mellor deportista promesa carballés, ao deportista de categorías base que máis se distinguira pola súa progresión e actuación deportiva en calquera ámbito: 6 candidaturas.
  • Premio “Pedras Brancas” ao equipo ou entidade que máis se distinguira pola súa actuación deportivo-competitiva en calquera ámbito: 6 candidaturas
  • Premio “Carballo Deporte” á entidade con maior distinción na especial contribución a tarefas de fomento do deporte e/ou organización de actividades deportivas: 5 candidaturas
  • Premio “Arsenio Iglesias” ao mellor adestradora/adestrador carballesa/carballés. Actuación deportiva máis distinguida en calquera ámbito (autonómico, nacional, internacional): 7 candidaturas
  • Premio á institución, entidade, etc. coa actuación máis distintiva na colaboración co deporte carballés: 2 candidaturas
  • Premio “Vida dedicada ao deporte”, ao deportista, técnica/o, directiva/o xa retirado da súa actividade deportiva principal cunha traxectoria transcendente no eido deportivo local: 6 candidaturas

Nas bases tamén se establece a posibilidade de mencións especiais.