A web oficial do concello de Carballo

Pistacatro, Xampatito Pato e Touriñán, entre outros, protagonizan a segunda semana do FIOT

Pistacatro, Touriñán e Xampatito Pato, entre outros, protagonizan a segunda semana do Festival Internacional Outono de Teatro, que ofrecerá, de xoves a domingo, seis novas propostas escénicas. A Rúa dos Contos desta 34ª edición do FIOT continúa a súa andanza este xoves, 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Casino 1889, co monólogo das narradoras orais galegas Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas. Os contos das cereixas, un espectáculo accesible en lingua de signos. Chegar e encher, de Bea Campos, e Zorras, da Cía. La Creída, son as outras dúas propostas que encherán de risas a Rúa dos Contos esta fin de semana, no Valle Inclán Café o venres, e no Mercado Municipal o sábado, respectivamente.

Xa o venres, 3 de outubro, un dos cómicos máis queridos polo público do FIOT, Xosé A. Touriñán, regresará ás táboas de Carballo co seu monólogo Aquí tou!, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 21.00h, trala cancelación por causas de forza maior da estrea de Territorio Regueifa, de Ainé Producións. Nestes momentos xa non hai entradas dispoñibles.

Tamén o venres, 3 de outubro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, Pistacatro animará o Teatro de Rúa do FIOT coa súa última creación, Sen patrón, a golpe de malabares, xogos imposibles e moito humor para todos os públicos. Finalmente, o domingo, 5 de outubro, contra ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, o OTNI presentará a súa primeira proposta para este 2025: Compaña, de Xampatito Pato, unha pequena xoia que fusiona circo coa arte das marionetas e o teatro de obxecto nunha fermosa viaxe onírica.

Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.

Os espectáculos un a un

Bailen as vellas. Os contos das cereixas

XOVES 2 DE OUTUBRO, 21.00H I CASINO 1889

Hai contos que se resisten, coma as cereixas, que veñen da man, un detrás do outro, e saben a memoria viva. Botas os contos á boca, rir, emocionar, lembrar e resistir con retranca, poesía e música. Un lugar onde a tradición non é pasado, senón presente que latexa. As narradoras Atenea García e Vero Rilo chegan coas falas das que non calaron, das que bailaron, cantaron e fixeron da vida un conto en galego. Coa pandeireta na man, neste ano no que conmemoramos a ás cantareiras e a todo o legado da transmisión oral da man de mulleres traen á escena un espectáculo para poñer a palabra no centro, o idioma na boca e as mulleres na voz. Este espectáculo é accesible en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos (intérprete) e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).

Sen patrón

VENRES 3 DE OUTUBRO, 19.30H I PRAZA DO CONCELLO

No mundo dos malabares, todo segue un patrón, unha orde, un ciclo perfecto que garante que as bólas non caian, que as mazas tracen o seu camiño no aire e que os diábolos xiren sen fin. Pero, que pasa cando tres malabaristas queren levar a batuta ao mesmo tempo? Aquí non hai quen mande, só mans que compiten e obxectos que voan por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante. Tres cómicos que viven a vida como os malabares que controlan, facendo patróns, ciclos que se repiten ata complicarse sen sentido. Entre xogos de poder, equilibrios imposibles e moito humor, descubrirán que a verdadeira maxia non está en quen manda, senón en aprender a xogar xuntos. Pistacatro é unha compañía e produtora de circo referente en Galicia con vinte anos de traxectoria. Agrupa a numerosos artistas e é pioneira na creación, distribución e profesionalización das artes circenses en e desde Galicia, liderando a promoción do circo contemporáneo. Esta é a súa última obra.

Aquí tou!

VENRES 3 DE OUTUBRO, 21.00H I AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

En Aquí tou!, Xosé A. Touriñán fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Sobre as táboa, revive momentos clave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touri lévanos da man cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida, e da serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, levárono a ser quen hoxe é.

Chegar e encher

VENRES 3 DE OUTUBRO, 23.00H I VALLE INCLÁN CAFÉ

Pasen e vexan: esta muller que está no centro do escenario era unha nena adorable que alegraba ás veciñas coa súa ledicia. Aos corenta anos, aquela criatura que o tiña todo para ser feliz, sube ao escenario para confesar que a cousa non foi tan sinxela. Porque si, ás veces unha toma decisións que a levan por camiños inesperados… e remata facendo rir nun cabaré con alma de monólogo.

Narración, improvisación e cabaré. Chegar e encher é un canto ao fracaso e un divertido e ácido monólogo teatral sobre a dificultade de encaixar nos roles de xénero marcados e a imposibilidade de controlar as nosas vidas.Este é o segundo monólogo para adultas de Bea Campos, actriz, narradora e presentadora. Dende moi nova, comezou a contar contos, realizou milleiros de actuacións e levou as súas historias ata o outro lado do mar, participando en festivais de artes escénicas en Latinoamérica.

Este espectáculo é accesible en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos (intérprete) e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).

Zorras

SÁBADO 4 DE OUTUBRO, 23.00H I MERCADO MUNICIPAL

Dúas mulleres de “40 e tantos” xúntanse para contar as súas propias historias, esas que pasan por relacións, amizades e momentos que marcan unha vida. Pero non se quedan só aí: poñen ao descuberto as semellanzas entre o comportamento humano e o mundo animal, cunha mestura divertida e irreverente. Bárbara Rodríguez, do Teatro del Cuervo, e Noemí Miranda, de Trivilorio Impro, veñen de mundos distintos —teatro de texto, improvisación e cabaré— pero comparten moitas experiencias vitais e moito humor neste espectáculo no que a improvisación, a música e a complicidade co público o transforman nunha festa. Un espectáculo cabareteiro, cómico, primitivo e moi instintivo.

Compaña

DOMINGO 5 DE OUTUBRO, 20.00H I AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

Un personaxe solitario, atrapado no seu propio universo, decide abrir as portas da imaxinación na procura de compañía. Criaturas inesperadas e sorprendentes obxectos cobrarán vida e acompañarán ao público por un poético camiño de emoción, sorpresas e risas.O circo fusiónase coa arte das marionetas e do teatro de obxectos, e este peculiar personaxe descubriranos como o invisible se volve tanxible e como o imposible se transforma nun xogo compartido de fermosas e máxicas imaxes. Detrás desta creación está Jesús Velasco Otero, artista multidisciplinar, malabarista e clown de gran destreza técnica e cunha ampla traxectoria en compañías galegas, nacionais e internacionais. Fascinaranos pola súa capacidade de trasladar ao escenario o seu mundo interior cun selo inconfundible de fraxilidade, creatividade, precisión e tenrura.