A web oficial do concello de Carballo

Paula Quintas e Andrea Jiménez botan o pano da 34ª edición do FIOT

Esta semana, o FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, bota o pano da súa 34ª edición. Así, mañá mércores, 29 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina Paula Quintas presentará o “work in progress” Desde o corsé a danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade. 

Paula Quintas é un bailarina, creadora, coreógrafa e directora artística galega de referencia e cunha linguaxe persoal que explora a danza contemporánea, a verticalidade e a relación do corpo co espazo, sempre na procura de novos modos de comunicar e de compartir co público. No #FIOT33 estreamos o seu espectáculo Multiperspectivas#3. Agora, a creadora regresa ao OTNI cunha unha conferencia en movemento que propón un percorrido vivo e poético pola historia da danza e do circo, entre a disciplina do corpo e a súa liberdade aérea.

Xa o xoves, 30 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, tamén con entrada de balde, terá lugar a lectura dramatizada de Mal de Ollo. Comedia de ambente mariñeiro. Con motivo do 120 aniversario do nacemento do dramaturgo carballés Cándido Alfonso González Tiradas (Carballo, 1905 – Bos Aires, 1966), a Aula de Teatro de Carballo presenta esta divertida peza que mestura o humor popular co mundo máxico galego.

O carballés foi un dramaturgo e activista cultural que desenvolveu en Arxentina un importante labor a prol da emigración galega. A obra, premiada no Certame Castelao e publicada en Bos Aires en 1954, está considerada un folk-drama no que conviven música, tradición e simbolismo. Os diálogos vivos, o ambiente mariñeiro e a presenza do mítico fan desta peza unha mostra singular do noso teatro. Con esta lectura dramatizada, a Aula de Teatro recupera para o público unha obra esencial da memoria cultural galega.

Vulcano

Pola súa banda, o Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público en 2024 co seu celebrado Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes ArtísticsVulcano é a historia dunha familia que tenta salvarse dun trauma pasado: o incendio do seu edificio, un suceso con consecuencias tráxicas, que deixa pegadas profundas nos que sobreviviron. A chegada dunha reporteira e o intento de reconstruír o que sucedeu alteran o concepto da verdade e poñen en dúbida a versión orixinal dos feitos.

Cun moito humor e cun formato de thriller e investigación criminal ponse de manifesto como manipulamos a memoria á hora de construír os nosos relatos e de como os precisamos para comprender ou curar, para dar sentido ao que somos. Unhas excelentes interpretacións e unha imaxinativa posta en escena con gran protagonismo da cámara en directo fan da obra un xogo escénico que investiga os cruces entre realidade e ficción e que mestura drama social, tensión e misterio con comedia.

Vulcano é o resultado do encontro entre as miradas de dúas puxantes figuras da escena contemporánea española, a dramaturga Victoria Szpunberg –Premio Nacional de Literatura Dramática 2025– e a directora Andrea Jiménez, que, na procura dun teatro vivo, realizaron un proxecto de creación colectiva que contou coa coprodución do Centro Dramático Nacional.

Finalmente, o sábado 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despedirase das táboas cunha festa a ritmo de cabaré para os voluntarios e os socios de Telón e Aparte, da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura, con convite.